Skip to main content

II Peregrinación Galega en tractor clásico

Inda que non estaba previsto realizar esta actividade debido á súa complexidade, a que xa se realizou no ano 2008, a que no 2009 xa a realizou tamén outra asociación española, e a que nos atopamos próximos ao epicentro dun forte período de recesión económica, ao fin, o gran interés dos socios e o ser ano xacobeo desencadeou na realización do evento neste ano 2010.

As datas de realización serán o 4 e 5 de setembro, reducindo o nº de xornadas, para interferir menos no normal funcionamento do Camiño e para reducir custos; sentimos por outra banda que coincida coa realización da 10ª exposición de maquinaria clásica en Valverde del Majano, pero non se dispoñía neste ano doutra data.

Para non perder de vista o noso lema, “COIDAMOS DA TERRA”, e o noso obxectivo final que é o “aumento da autoestima do traballador do rural”, este ano os eixos centrais do evento xirarán ao redor de homenaxear ao socio fundador de AGAMAC, D. José Iglesias (Comandante da Garda Civil de Tráfico) e gran impulsor deste evento, e tamén a enfocar miradas cara a potencia que é o noso territorio en producción de biomasa a cal se podería transformar en enerxía e en ocupación de xente no rural vivindo e coidando o tesouro do noso entorno. Para elo, levaremos instalado nun remolque dun dos tractores que fagan o Camiño, un motor clásico Ford de 4 cilindros (dos anos 20) adaptado a funcionar con combustión por gasóxeno producido ao queimar leña, adaptado polo socio de AGAMAC Antonio Álvarez; na lembranza do socio falecido, o Comandante Iglesias, celebraremos un acto relixioso nalgún punto do Camiño.

Respecto das máquinas, non será o máis destacable a súa antigüidade, a súa espectacularidade ou incluso a súa calidade de restauración, se non o aprecio que o seu usuario/a lle dea e ata incluso o seu estado de conservación, xa que o que se pretende é que algunha destas máquinas se conserven como evidencia da liberación que supuxo o deixar de labrar a terra directamente coa forza humana e a animal, así como o aumento na capacidade de producción de alimentos que serven para reducir a fame no mundo. O número máximo de tractores participantes reduciuse de 30 a 20, para reducir o impacto no tráfico, e cabe destacar o aumento significativo de mulleres que se incorporarán á ruta, aumentando de un muller (a enxeñeira agrónoma, investigadora agraria do CIAM, e socia fundadora de AGAMAC María José Bande) a catro nesta peregrinación.

A elección da ruta do Camiño Francés foi motivada por ter experiencia xa na súa realización, e posto que nesta ocasión se persigue a austeridade, non estimamos a realización doutra ruta xa que de seguro encarecería o evento. Non se pensa polo momento na realización de máis rutas por este Camiño, xa que incluso se realizou unha reportaxe audiovisual profesional da I Peregrinación en tractor pola editorial MOMA, a cal o comercializa por toda Europa, quedando ben documentado xa este evento e tódalas súas características. O que si se ten pensado é facer outras rutas por camiños antigos e medievais, distintos do de Santiago, para promocionar Concellos rurais e todo o seu encanto, tendo xa prevista a realización do “Camiño Real” dende o Furco ata Lugo, pasando por Láncara e Corgo, evento que se pretende realizar a pleno inverno.

A Excelentísima Deputación Provincial de Lugo patrocina este evento a nivel económico, subvencionando o maior custo que é o de transporte, así como tamén empresas privadas como Magrino, Liste Villaverde, Blanco Trigo, Luguesa de Gasóleos, Infra, Doval Maquinaria, Desguaces Agrícola e industrial e outros. A Xunta de Galicia non colaborou concretamente nesta edición do camiño, pero colabora con AGAMAC no programa renove de tractores a través da Consellería do Medio Rural e tamén nos programas de cooperación para o fomento do emprego coa Consellería de Traballo e Benestar.

Tense previsto a asistencia nalgún punto do camiño do Presidente da Deputación de Lugo, D. Xosé Ramón Gómez Besteiro, e tamén se invitará ao Conselleiro do Medio Rural para que asista á chegada ao Monte do Gozo.
Agamac