Skip to main content

O Orfeón Lucense comeza a temporada de concertos 2010-2011

Despois do curso intensivo da pasada temporada, con 22 actuacións en dez meses, o Orfeón ten diante de si outros importantes compromisos musicais entre os que destacan a actuación na Misa da Catedral de Santiago de Compostela, o día 25, acompañando á peregrinación da diocese de Lugo co gallo do Xubileo e o día 3 de outubro, na igrexa dos PP. Franciscanos de Ourense, dentro dos actos de exaltación franciscana organizados polo superior de Ourense, ata agora no Colexio dos Franciscanos de Lugo, frei Enrique Mourille.

Asi mesmo, dentro das festas do San Froilán, actuará tamén na habitual Misa Solemne da Catedral o día 5 (Festa do San Froilàn) e na do día 12 na igrexa de San Pedro, con motivo da Feira Medieval, cantando a xa tradicional misa en latín. E o 23 do mesmo mes actuará no Auditorio do Rosal (Pontevedra) invitada pola Coral desta localidade que posteriormente actuará na capital lucense en intercambio xurdido da coincidencia de actuación dos dous coros en Pontedeume (A Coruña) a pasada primavera.

Cara o futuro, nos próximos meses, o Orfeón vai organizar un novo Encontro Internacional de Música Sacra e a 2ª edición do Nadal en Galicia, rescatando a memoria do xa tradicional “Galicia canta ó Neno”.

Este curso uníronselle alguns membros e ainda quedan algunhas prazas disponibles por se algún/unha lucense quere incorporarse para formar parte do novo proxecto do Orfeón Lucense. Interesados dirixirse ó Director, no local social (Rúa do Cruzamento, 5) mércores e venres, ás 20,00 h.
Xulio Xiz (presidente do Orfeón Lucense)