Skip to main content

Xinzo, celebra ó XXV aniversario de recuperación do Monte Comunal


A Comunidade de Montes de Xinzo celebra , hoxe sábado e mañá domingo, os XXV anos da recuperación do monte comunal, por parte dos veciños , o que ten suposto un feito histórico na recente historia desta parroquia pontareán.

Os veciños de Xinzo, lograron que en 1979 o Xurado Provincial de Montes, lle devólvese algo que era de seu dende sempre. Para conquerir dito obxectivo o proceso foi lento e cheo de trabas, por parte da administración local, que non asumía o lexítimo dereito dos veciños a recuperar o que sempre fora desfrutado por eles como propiedade común, mesmo con anterioridade a creación dos concellos. Máis todos estes problemas non foron obstáculo suficiente para impedir o que a lei, despois de moito traballo e tenacidade , foi quen de recoñecer.

A xestión do monte por parte dos veciños, ten significado un espertar imparable no beneficio común de esta parroquia neste período de tempo, os feitos así o poñen de manifesto, hoxe Xinzo conta con unha serie de servicios, infraestructuras no que destaca o Centro Cultural e organizacións coas que sería moi difícil contar sen o froito dunha xestión exemplarizante, tanto no plano forestal como na inversión feita en bens comúns na propia parroquia, pero quizás cos maiores logros non sexan físicos, máis ben doutro carácter , como unha profunda conciencia democrática no seu funcionamento e o sentir que os veciños teñen de esa propiedade como algo propio e do que se senten orgullosos.

Do mesmo xeito en que a xestión por parte dos veciños, ten suposto un antes e un despois, para a parroquia, tamén este traballo está a ser referencia obrigada nos ámbitos da xestión forestal de terras de común, tanto en Galicia como fora dela.

A Xunta Rectora da Comunidade , para celebrar esta data ,organizou diferentes actos que van a ter lugar hoxe sábado e máis domingo. O acto de hoxe consta de unha visita o monte por destacadas personalidades vinculadas o mundo forestal entre as que acudirán D.Fernando Molina , toda unha institución en este eido, o presidente da Asociación Forestal de Galicia e mesmo se espera contar coa presencia do Director Xeral de Montes de Xunta de Galicia, o remate da visita a Comunidade agasallará os invitados en agradecemento pola aportación feita no desenrolo forestal do monte comunal de Xinzo.
O domingo día 20 de xuño , os actos comezarán as 10h, no Centro Cultural, con unha proxección de imaxes, para os comuneiros asistentes, acerca do traballo desenvolto no monte en este período, o que despois poderán comprobar máis de preto na visita guiada que a Comunidade ten programada de seguido o longo do monte. O mediodía vai ter lugar un xantar de confraternidade entre os comuneiros e outrosinvitados, xa pola tarde, haberá un acto no que a Comunidade vai facer entrega de diferentes agasallos a todos aqueles veciños que durante estes vintecinco anos adicaron algún momento como membros da Xunta Rectora da Comunidade, en gratitude e recoñecemento o labor feito. Así mesmo , actuará o Grupo Folclórico do Centro Cultural Xinzo , máis a Banda de Música de dita parroquia, que serán os encargados de poñe-lo tono festivo a xornada.


Área de comunicación da Comunidade de Montes de Xinzo