Skip to main content

Os camiños da reactivación reúne en Galicia a 1.500 directivos empresariais

Situar a Galicia no centro dun debate nacional centrado en promover avances na xestión empresarial na procura da recuperación económica é o obxectivo principal do encontro “Os camiños da reactivación”, organizado pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD) contando co apoio da Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, no marco dun acordo de colaboración asinado polo Conselleiro Javier Guerra e o director xeral de APD, Enrique Sánchez de León. Este encontro concentrará en Santiago, os días 2 e 3 de novembro, a 1.500 directivos procedentes de toda España.

Segundo salientou o conselleiro de Economía e Industria, este I Congreso Nacional de Directivos de APD converterá a Galicia en protagonista dun debate chamado a xerar pensamento e reflexión ao máis alto nivel para contribuír ao progreso da xestión directiva e á recuperación económica. Guerra destacou que “fomentamos a cooperación e o intercambio de coñecemento como instrumentos de valor para que as empresas accedan ás dinámicas de innovación máis efectivas e incrementen a súa competitividade”. A colaboración para o encontro de directivos de APD busca incidir nesa liña, indicou.

Javier Guerra amosouse convencido de que “potenciar o talento do tecido empresarial é unha das bazas máis efectivas a favor da reactivación económica de Galicia”. Os directivos máis preparados están cualificados para multiplicar a capacidade das organizacións e para xerar máis competitividade, dixo, e engadiu: “Por iso nos implicamos na celebración deste primeiro congreso de directivos de APD, que xuntará en Santiago aos principais directivos de España”.

Guerra Fernández destacou igualmente que a mellora da competitividade protagoniza un dos eixos estratéxicos de actuación impulsados pola Consellería de Economía e Industria no marco do plan re-Forza 2010. Durante a súa intervención, conselleiro destacou que o Igape recibiu este ano máis de 2.200 solicitudes de apoio para iniciativas ou proxectos de mellora da competitividade, capítulo para o que dispón dun orzamento de 17,4 millóns de euros.

O apoio da Xunta a este multitudinario encontro empresarial servirá igualmente para promover Galicia como destino dun turismo de calidade, precisamente no ano en que se celebra o Xacobeo 2010, e para favorecer as alianzas empresariais e a atracción de investimentos cara a Galicia. Coa participación nos debates dos principais líderes empresariais das empresas españolas, o encontro contribuirá de xeito importante, mediante o intercambio de coñecemento e experiencias, a incorporar ás empresas galegas as últimas novidades en materia de xestión directiva e as máis avanzadas estratexias para impulsar a mellora da competitividade e a internacionalización das empresas.

Os debates do encontro “Os camiños da reactivación” estarán estruturados en tres paneis diferencias: o primeiro estará centrado nas grandes tendencias que están cambiando o mundo, desde ámbitos como as finanzas, as relacións entre sociedade, política e empresa ou as novas tendencias tecnolóxicas e científicas; o segundo panel abordará as tendencias que están cambiando ás empresas, tanto no eido financeiro como nos da xestión dos recursos humanos, a incorporación dos novos sistemas de información a través das TIC, o marqueting, o bo goberno ou a responsabilidade social corporativa; o terceiro panel estará circunscrito aos grandes retos que ten que enfrontar a empresa española no ámbito da competitividade, incluíndo aspectos referidos á internacionalización, dimensión, innovación, produtividade, xestión do cambio, financiamento ou creatividade e marca.

Entre os directivos empresariais que participarán como relatores neste encontro estarán as primeiras figuras de ámbitos como o mundo empresarial ou financeiro. Entre outros moitos directivos e profesionais de renome, estarán relatores como os presidentes do BBVA, Francisco González, ou do Banco Pastor, José María Arias; os presidentes de grupos como Accenture, Vicente Moreno; Indra, Javier Monzon; FCC, Baldomero Falcones; ou Ferroatlántica, Eduardo Montes; os conselleiros delegado de Inditex, Pablo Isla, ou Gas Natural-Fenosa, Rafael Villaseca.

Liñas de apoio á competitividade

Para promover a mellora da competitividade e a reorientación, se fose conveniente, dos negocios, o Igape dispuxo este ano dunha liña dotada con 8,3 millóns de euros para impulsar, entre outras accións, os investimentos tecnolóxicos ou os investimentos en equipamentos para empresas do sector servizos. Ademais, neste mesmo ámbito estratéxico, o Igape destina este ano 3,1 millóns de euros para apoiar melloras de competitividade a través da cooperación, ao abeiro de proxectos colectivos. A estes programas súmase o denominado Innoempresa, cun orzamento de 6 millóns de euros. Así, as achegas orzamentarias da Consellería de Economía e Industria para apoiar melloras de competitividade das empresas galegas suman este ano 17,4 millóns de euros.

Con esta nova concepción dos apoios á mellora da competitividade e, se é o caso, reorientación dos negocios, engarzada no plan re-Forza 2010 do Igape, a Consellería de Economía e Industria márcase como obxectivos prioritarios os de incrementar e axilizar os investimentos das pemes galegas en proxectos e iniciativas que faciliten incorporación de innovación, a reorientación produtiva e a mellora competitiva de forma urxente.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia