Skip to main content

Presentada en Arxentina a Guía do Retorno a Galicia

O Subdirector Xeral do Retorno e da Inmigración do Goberno galego, Antonio Aguarón Turrientes, presentou en Pilar (Arxentina) a Guía do Retorno editada pola Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia.

Aguarón Turrientes fixo a presentación no marco da celebración do Primeiro curso de formación sobre o retorno que se leva a cabo en Arxentina. Este encontro, celebrado ao longo de toda a xornada do domingo na localidade bonaerense de Pilar, foi organizado pola Federación Unión de Sociedades Galegas de Arxentina e financiado pola Administración autonómica galega.

No seu relatorio, o responsable da Secretaría de Emigración nestes temas expuxo as liñas fundamentais de contidos e asuntos que aborda a guía. Esta publicación reúne a toda a información necesaria para orientar na realización dos trámites anteriores e posteriores ao retorno, así como os fundamentos e características da asistencia sanitaria, o emprego e o sistema de pensións do retornado. Do mesmo xeito, detállanse as axudas e programas a prol da vivenda, da dependencia, e do sistema educativo galego e español.

Segundo asegurou Aguarón Turrientes, “trátase dunha ferramenta de grande utilidade” tanto para o uso particular de calquera cidadán que logo de vivir fóra quixese retornar á súa terra como para todas aquelas persoas de entidades galegas no exterior encargadas de dar orientación e resposta ás preguntas dos emigrantes galegos que están pensando en volver a Galicia.

O subdirector xeral avanzou que na Secretaría Xeral da Emigración se está a traballar na elaboración dun anteproxecto de lei que regule a figura do “retornado” e as diferentes medidas e mecanismos que as administracións porán ao seu dispor para facilitar o regreso a Galicia.

1º Curso de Formación para centros galegos

Este curso, o primeiro que se realiza destas características en Arxentina, convocou a representantes, traballadores e colaboradores de 49 centros e institucións galegas de Arxentina, Chile e Uruguai. En total, participaron 131 persoas, destacando especialmente a asistencia de membros de organizacións de varias provincias arxentinas e de países limítrofes. Trátase dun éxito de convocatoria que conseguiu reunir nun mesmo espazo intereses e achegas de entidades con realidades sociais, culturais e institucionais ben diversas.

Ao longo da xornada interviñeron, ademais do representante da área de Retorno da Xunta, o Presidente da Federación Unión de Asociacións Galegas de Arxentina, Adonis Pampín Cagide; o Delegado da Xunta de Galicia en Buenos Aires, Alejandro López Dobarro, e varios membros da organización para detallar tanto o marco legal deste tema como os trámites previos á viaxe e os que hai que levar adiante en Galicia na chegada. Do mesmo xeito, detalláronse os programas e axudas para retornados que a Xunta de Galicia ten en funcionamento.

A xuntanza clausurouse cun interesante coloquio no que se achegaron inquedanzas, necesidades e propostas das entidades presentes.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia