Skip to main content

Implicadas no Desenvolvemento presenta en Lugo a súa campaña 1 de 200

A ONG Implicadas no Desenvolvemento, dentro do marco de presentación da súa
última campaña, 1 de 200, e logo da presentación en Santiago coa presencia de Elvira Cienfuegos e Luís Tosar, achega a Lugo este proxecto. Neste caso a actividade une experiencia e arte nunha xornada de intercambio entre as voluntarias de Implicadas e
un grupo de ilustrador@s que colaboran coa organización nesta ocasión, unid@s para o evento "Os meus ollos, as túas mans", que terá lugar na Praza Maior de Lugo, o domingo 24 de outubro a partir das 11:00 h.

O PROXECTO

O infanticidio feminino é unha práctica que consiste en matar ás nenas que acaban de nacer ou ben mesmo abortar os fetos femininos (feticidio feminino) debido ao baixo valor que as mulleres teñen nunha sociedade dada. A preferencia por ter un fillo xustifícase de moitas maneiras e está afianzada noutro tipo de prácticas discriminatorias.

Na India, o infanticidio está fortemente penado, aínda que estas medidas deron poucos resultados. Tamén está prohibido revelar o sexo do feto ás familias, aínda que hai clínicas que o fan se se paga o necesario. O infanticidio feminino é a expresión máis extrema da desigualdade de xénero, na que se combina unha visión das mulleres como entes dependentes, a incapacidade de tomar decisións sobre o seu propio corpo e sexualidade e a propagación dunha cultura de culto ao varón extrema.

Implicadas no Desenvolvemento, organización galega de cooperación ao desenvolvemento fundada en 1998, basea o seu traballo na procura da igualdade de xénero como base para o desenvolvemento humano perdurable, entendendo a loita contra a pobreza como un exercicio de responsabilidade da cidadanía do Norte e a busca de espazos para que cidadanía do Sur, e en concreto as mulleres, poidan tomar decisións sobre as súas vidas.

Nun primeiro momento, Implicadas comezou a levar a cabo o seu traballo por medio de proxectos que comprendían a cidade de Tiruchy, en Támil Nadu (India), pero a raíz da tsunami do ano 2005 ampliou o seu traballo ao distrito costeiro de Karaikal. Esta ampliación permitiu que a organización afianzara a súa experiencia e supuxo o establecemento dunha boa relación de cooperación coa organización socia People's Development Initiatives (PDI). Foi a raíz desta nova situación cando, no ano 2007, Implicadas decidiu comezar o proxecto de Erradicación do Infanticidio Feminino en Salem.

Implicadas e PDI seleccionaron 4 bloques de especial incidencia do infanticidio (Tharamangalam, Ommalur, Edappadi e Konganapuram) dentro do distrito de Salem, onde vive unha poboación de máis de 200.000 persoas. A diferenza doutras intervencións, Implicadas entendeu que resultaba necesario ir ás raíces dos problemas, e que o infanticidio non podía resolverse en illamento, senón como parte da discriminación e violencia xerais contra as mulleres. Por iso o traballo da organización incide en todos os aspectos que teñen que ver coa igualdade: aspectos económicos, patróns de xénero e respecto dos dereitos das mulleres.

O programa inclúe unha liña de traballo de seguimento e asesoramento das mulleres embarazadas e as súas familias. As traballadoras do proxecto percorren cada día as aldeas e identifican as mulleres embarazadas, a quen visitan de forma regular para comentar aspectos relativos a cuestións sanitarias, pero sobre todo cuestións relativas ao xénero. Aquelas que están en situación de alto risco de infanticidio (as que teñen máis dunha nena ou as que quedan embarazadas buscando un varón) pasan ás mans das dúas traballadoras sociais que fan un traballo de asesoramento máis intenso. As mulleres que o proxecto atende nesta situación chegan ás 876.

O fundamental no traballo de Implicadas no Desenvolvemento é cambiar as percepcións de xénero de toda a comunidade. Con esta finalidade levanse a cabo actividades de sensibilización como o uso de monicreques, a música e o teatro para provocar un diálogo sobre os temas do proxecto e reforzar aquelas mensaxes sobre a igualdade e os dereitos das mulleres que xa existan na comunidade. A estas obras de teatro asistiron máis de 30.000 persoas de todas as idades.

O respecto dos dereitos das mulleres pasa tamén por cuestións de tipo económico e para iso o proxecto puxo en marcha 60 grupos de aforro, nos que participan 752 mulleres. Os grupos de aforro reúnen entre 12 e 15 mulleres que de forma autónoma comezan a aforrar e reunirse de forma mensual. Dese fondo común as mulleres poden obter crédito que devolven nos prazos e cos intereses que elas mesmas fixan. Neste momento as mulleres aforraron, de forma autónoma 9.570 euros.

As nenas e mozas, que reciben dende pequenas a mensaxe de que non son queridas polo feito de non ser un varón, crecen cunha baixa autoestima e por iso se organizaron cursos de capacidades para a vida, onde as mozas e tamén os mozos poidan aprender nun entorno mixto a relacionarse, a resolver conflitos, a comunicarse e a facer oír a súa voz .1685 (842 mozas e 843 mozos) participaron ata o momento nesta actividade.

Son moitas as organizacións e activistas feministas que traballan para erradicar o infanticidio e moitas mulleres as que buscan ferramentas para non continuar con esta práctica, pero soas teñen moi complicado poderse enfrontar ao resto da comunidade. O traballo de Implicadas e PDI busca proporcionar un entorno onde se promova a igualdade entre homes e mulleres e se respecten os dereitos destas. Esta labor supón un paso máis, forte e firme, nese camiño.

Grazas a todos estes procesos conseguimos que nos últimos tres anos 983 nenas nacesen en Salem. Destas só 29 foron dadas en adopción. As restantes 954 viven coas súas familias.

Agora precisamos que 200 persoas nos axuden a continuar o traballo.

A CAMPAÑA

Esta campaña pretende crear un cambio de mentalidade que nos permita formar alianzas para loitar contra a violencia de xénero a escala mundial, presentando ante a sociedade galega o problema do infanticidio feminino e as solucións que se poden poñer en marcha dende o Norte e o Sur indo ás raíces do problema, basicamente a desigualdade de xénero.

1 de 200 ten como obxectivo fomentar unha conciencia crítica que se materialice en que, cando menos 200 persoas se asocien a Implicadas antes do mes de xuño de 2011, para que a organización continúe o seu traballo de loita contra a pobreza, a discriminación e a violencia de xénero, en concreto en contra do fenómeno do infanticidio feminino en Salem.

Para achegar esta realidade á sociedade, Implicadas ten artellado un calendario de actividades que da comezo no mes de outubro de 2010 e que continuará ata xuño de 2011. Os medios de comunicación serán debidamente informados a medida que ditas actividades se vaian confirmando.

PRESENTACIÓN DA CAMPAÑA

Cada mes presentaremos a campaña nunha cidade diferente, comezando en Santiago o 6 de outubro, e seguindo por Lugo, Vigo, Coruña e Pontevedra. En todas as presentacións contaremos coa presenza de persoas relevantes no mundo da cultura galega que desexan amosar así o seu compromiso cun tema tan importante como o infanticidio feminino e co traballo de Implicadas para a súa erradicación. A cidadanía será convocada, en cada un dos casos, por medio de accións alternativas, interactivas e intrigantes, que de seguro chamarán a atención.

IMPLÍCATE! NOITE DE MÚSICA E PALABRA SOLIDARIA

O Implícate, unha actividade que é xa tradición para Implicadas, é un acto no que se unen a cultura e a reflexión, un proxecto para unificar a cultura e a cooperación nunha noite solidaria que Implicadas ven celebrando de todos os anos en Compostela dende 2005. Nel participan, de xeito altruísta, representantes da música, o teatro, a poesía e a danza galegas e se promove á sensibilización (a través dunha serie de audiovisuais) sobre o tema ao que se dedica o acto, neste caso, a violencia de xénero, en concreto ao infanticidio feminino, arredor do que se artella toda a campaña 1 de 200.

O Implícate conta coa inestimable colaboración de diferentes persoas ligadas ao mundo do arte e da cultura galega, coordinado de xeito desinteresado e cunha entrega total por Celso Parada e Yolanda Castaño, que ademais presenta o acto xunto con Luís Tosar. No 2011 e como xa é habitual, o acto celebrarase no Teatro Principal de Santiago, a noite do 9 de xaneiro.

ACTIVIDADES CULTURAIS

Durante toda a campaña haberá actividades culturais en moitos puntos de Galicia, dende concertos ata exposicións, pasando pola danza, o teatro e moito máis. Dende a coordinación da campaña se irá informando a medios de cada un dos actos coa antelación precisa.

"200 PALABRAS": ACTIVIDADE CON CENTROS DE ENSINO

A actividade "200 palabras" pretende levar a campaña 1 de 200 aos centros de ensino, ofrecendo ao alumnado a oportunidade de formar parte dela dun xeito creativo, en colaboración con escritoras e escritores en lingua galega.

E MÁIS...

Como é lóxico, Implicadas No Desenvolvemento está aberta á colaboración da sociedade, achegas de persoas individuais, organizacións ou colectivos. Publicitar a campaña na Internet, participar en actividades en distintas zonas de Galicia, implicando a centros de ensino, propoñendo actividades como concertos, monólogos, charlas... Pretendemos que a cidadanía galega faga súa a campaña, polo que o calendario se manterá aberto e continuamente actualizado en función das novas actividades que vaian xurdindo e das que tamén se darça cumprida información aos medios.

Toda a información detallada sobre as distintas accións, datas, lugares e personalidades asistentes no blog da campaña e na sección CALENDARIO da campaña
OS MEUS OLLOS, AS TÚAS MANS

A próxima fin de semana, sábado 23 e domingo 24 de outubro, terá lugar en Lugo o evento organizado por Implicadas no Desenvolvemento "Os meus ollos, as túas mans", xornadas de intercambio e creación que pretenden plasmar a visión da cooperación a través dos ollos do voluntariado de IMPLICADAS, que achegarán o seu testemuño sobre a experiencia adquirida como parte activa da organización e do seu traballo no día a día, tanto en actividades de sensibilización como na posta en marcha de proxectos de desenvolvemento. Para esta actividade tan especial, contaremos coa colaboración de destacad@s ilustrador@s, que participarán ecargándose da parte artística. A finalidade é que as vivencias do voluntarido se "tanxibilicen" por medio da expresión plástica das mesmas, a mans d@s ilustrador@s convocad@s.

O mesmo domingo 24, ás 11:00 h., terá lugar, na Praza Maior de Lugo, a Xornada de Portas Abertas. Trátase da actividade que pecha esta fin de semana de intercambio e creación, unha saída á rúa que permitirá á cidadanía coñecer ao voluntariado de Implicadas e o traballo das ilustradoras que están a colaborar con nos. Durante esta xornada terá lugar o lanzamento ao público da campaña 1 de 200. En breve enviaremos a nota de prensa referente ao acto e a convocatoria ao mesmo.
As obras resultantes, que xurdirán dunha experiencia de convivencia e intercambio na que @s artistas coñecerán e afondarán nas experiencias do voluntariado e no seu traballo en IMPLICADAS, así como as súas impresións e reflexións, compilaranse nunha exposición que visitará varias localidades galegas. As datas e ubicacións serán debidamente comunicadas aos medios no seu momento.

Os ilustradores: Macus Romero, Isabel Delgado, Idoia de Luxán, Rebeca López, Elena Valverde, Patricia Castelao, María Álvarez, Almudena Aparicio, Iván Sende, Eva Callón y Jorge Fernández.
ONG Implicadas no Desenvolvemento