Skip to main content

Exposición: Títeres chineses

As creacións dos titiriteiros chineses gardan unha das máis antigas e mellor conservadas tradicións do teatro e ó mesmo tempo, asombran pola súa minuciosidade e beleza. Tal vez por iso seguen atraendo misteriosamente a todos os que caen baixo a súa mirada.

Así foi como lles ocorreu a Jorge Rey e Carmen Domench alá polo ano 1995, cando chegou ás súas mans o primeiro títere chinés desta colección. Dende aquela, foron case dez anos investigando e xuntando bonecos ata chegar ás case cincuenta pezas que compoñen hoxe esta exposición. A cal se presenta por primeira vez ó público, no marco do IX Festival Internacional de Títeres Galicreques.

Esta mostra recolle títeres, marionetas e sombras chinesas que ilustran diferentes técnicas e xéneros do teatro oriental. A súa intención é achegar ó público galego esta arte milenaria, conservada sen dúbida grazas á enorme importancia deste tipo de representacións no país e ó labor das grandes familias de titiriteiros.

Ó mesmo tempo pretende ser unha fiestra aberta dende a que coñecer algo máis desta distante cultura, a través dos personaxes que representan as súas historias e entreteñen ás súas xentes dende tempos inmemoriais.



O teatro de monicreques na China

Parece aceptado que todas as culturas sentiron nalgún momento a necesidade de expresarse á través de representacións con obxectos animados, e que na súa orixe, esta representación estivo ligada fortemente ó culto relixioso, á ofrenda e ó emprego de símbolos sagrados. Tal vez deste xeito nacese a primeira representación teatral na que se empregaron bonecos.

Doutra banda cada cultura e cada país conserva a súa propia historia e tradición non só de teatro de actores, senón tamén de teatro de monicreques, cun corpus de personaxes - uns propios e outros incorporados doutras tradicións -, historias e anécdotas, con grandes semellanzas entre culturas achegadas ou relacionadas, e con maior ou menor fortuna na súa conservación e transmisión.

Sen embargo en Occidente a historia do teatro de actores discorre á parte da do teatro de monicreques, mentres que en Oriente ambas gardan unha fonda relación entre elas e aínda hoxe se mesturan e complementan, como podemos observar na ópera china, que é representada tanto por actores humanos coma por bonecos, e mesmo os primeiros imitan ós segundos e empregan as mesmas técnicas. Isto proporciónalle unha merecida consideración ó teatro de monicreques en Oriente e facilita que as tradicións sexa tan extensas e que as súas técnicas se atopen tan desenvoltas.





Dentro do teatro tradicional chinés podemos atopar dúas formas básicas de representación: o teatro de títeres ou marionetas e o teatro de sombras.
O teatro de títeres e o de marionetas veñen da provincia de Fukien, no sur do país,mentres que o teatro de sombras chega dende a provincia de Kwangtung.
Estas formas apareceron cos inmigrantes da costa sur da China continental que se desprazan a Taiwan durante o século XIX, e paulatinamente van abandonando o seu estilo orixinal e adquiren un estilo e características propias, froito da súa convivencia con outros elementos autóctonos e das adaptacións das diferentes escolas, converténdose na tradición que chega ós nosos días.

As diferencias entre estas dúas formas de representación son substanciais. No teatro de títeres e marionetas, do mesmo xeito que en occidente, as historias son representadas por monicreques nun teatriño, pero soe chegar a reducirse para albergar unha soa persoa que se encarga dos títeres e da música ó mesmo tempo. Nestas representacións as figuras son en xeral máis estilizadas e con grande detalle nas pinturas e nas roupas. A súa construcción é unha arte minuciosa perfeccionada ó longo de séculos, que dá lugar, moitas veces, a títeres ou marionetas sorprendentes, con aportes técnicos inimaxinables. A isto hai que engadirlle a arte dos titiriteiros chinos á hora de manipular os monicreques, que leva séculos perfeccionándose e transmitíndose de xeración en xeración.


Pola contra, no teatro de sombras a representación ten lugar nunha pantalla, elaborada con tela translúcida e iluminada de maneira que nela se proxectan as imaxes da historia, que é acompañada tamén de música. Todos os personaxes e elementos son siluetas recortadas que os espectadores ven de perfil. Este teatro é coñecido comunmente en China como “teatro do mono de coiro” ou “teatro do coiro”, en referencia ó coiro co que se elaboran as sombras. Estas adoitan recortarse con moito detalle sobre pel de animal semi-transparente e sobre ela debúxanse os contornos da figura e coloréase con vistosas cores. As siluetas miden entra trinta e corenta centrímetros e teñen varias articulacións – en brazos, pernas, xeonllos...- e manéxanse a través de tres variñas polas que se suxeitan contra a tela. O titiriteiro sostén a variña central cunha man e manexa as outras dúas coa outra.


En ambos casos a música ten un papel moi importante e está intimamente relacionada coa representación. En moitos casos trátase de música ritual, recerativa ou relixiosa que se conserva incorporada ó espectáculo teatral. No caso das sombras por exemplo as melodías que acompañan estas representacións son moi semellantes ás que empregan os monxes de Chaochow nos funerais.

De feito algunhas destas representacións, como algunhas das realizadas con marionetas, lévanse a cabo con propósitos máis ben relixiosos que de entretemento e lévanse a cabo en datas relacionadas con cerimonias públicas ou familiares.




Existen numerosos documentos escritos que recollen historias e lendas nas que se refire a existencia dende tempos moi remotos destas artes en China. Unha delas aparece no chamado Libro da Música, escrito por Chen Yuan na época da dinastía Sung ( século X d.c.) onde conta a unha lenda sobre un mestre de títeres irreverente, o emperador da corte de Chu, Mu-Wang - que reinou no século X a.C- e a súa muller . A lenda fala da orixe da prohibición imperial de que as mulleres asistiran a representacións de títeres, estendida ata tempos recentes.

A través destas e outras lendas podemos comprobar como o teatro de monicreques foi sempre unha parte importante na vida social do país e como supuxo dende moi cedo unha forma de entretemento popular, especialmente o de títeres e marionetas. Mentres que o teatro de actores non comeza a desenvolverse ata o século X, e parece ser que aparece con ánimo de imitar algunhas das características do teatro de monicreques.

O que si parece certo é que o teatro de títeres e marionetas e o de sombras contan cunha variedade maior de formas que o teatro de actores, a pesar das numerosas diferencias locais, que teñen que ver co dialecto empregado, coas melodías...
O teatro de sombras, así coma o de monicreques, é moi semellante ó teatro tradicional de actores en canto ó seu repertorio, movementos das figuras, vestimentas, maquillaxe e acompañamento musical. A maior parte das pezas representadas en ambos teatros teñen a súa orixe nas mesmas lendas e historias e para os seus espectadores o interese reside en que cada un ten o seu propio valos artístico. Admiran os diferentes modos e posibilidades de expresión de uns e outros. O teatro de monicreques permite facer realidade situacións que o de actores non, como que un tigre devore a un campesiño ou que un monxe cambie a súa aparencia de súpeto. Permite, en definitiva, facer realidade a maxia destas historias.

En canto ó teatro de títeres e marionetas podemos distinguir entre o teatro de títeres, onde se empregan títeres de luva e títeres de variña, e o teatro de marionetas, onde se empregan marionetas de fío.

O xénero que conserva unha tradición máis longa por ser o que ten maior popularidade é o teatro de marionetas. As súas representacións teñen un marcado carácter relixioso de agradecemento ós deuses ou para escorrentar os malos espíritos, por iso se realizan en ocasións especiais: ceremonias relacionadas coas festas dos emperadores ou celebracións de carácter máis privado como o nacemento dun fillo ou un cambio de casa. Moitas destas representacións levábanse a cabo en festas de adoración ó Emperador de Jade.
Para manipular estas marionetas o titiriteiro sitúase por enriba dela, sostendo coas mans un aparello que se chama control no que van atadas as cordas que do outro estremo se unen a diferentes partes da marioneta. Dúas das cordas normalmente van atadas nos ombreiros, que sustentan á marioneta, e outras dúas nas tempas. Outra corda vai á cintura e outra ó estómago. Levan tamén cordas nos xeonllos e no xogo das mans. O número mínimo de cordas varía entre oito e dez pero se a marioneta esixe realizar maior cantidade de movementos o número de cordas increméntase, podendo chegar a crear marionetas con trinta e corenta cordas, capaces de mover os ollos, a boca, con mans capaces de agarrar cousas, de facer xestos, elaborar precisas danzas tradicionais....





Os títeres de luva chineses proveñen da provincia de Fukien e foron modificados por diferentes tradicións ata alcanzar o desenvolvemento que presentan hoxe en día tanto na súa construcción como na súa manipulación. En Taiwan desenvólvese de maneira especial xa que alí aparecen novas achegas froito do contacto con outras tradicións. É tamén unha das máis antigas formas de representación teatral chinesa e nela a música xoga un papel moi importante, xa que imprime diferentes ritmos ás accións.

Estes bonecos están compostos por unha cabeza tallada en madeira, un corpo elaborado cunha vestimenta que cubre a man do titiritiero, e mans e pés tamén de madeira. A pesar da súa aparente sinxeleza teñen a capacidade de moverse con moita expresividade e as representacións adoitaban facerse para un número reducido de espectadores para que puidesen ser observados de preto, pois algúns deles poden presentar bocas e mans articuladas, dependendo do rol que xoguen dento do espectáculo.
A man do titiriteiro é a que move con tres dedos a cabeza e os brazos do títere, con brazo dobrado en L e o títere situado un pouco sobre a cabeza do titiriteiro, por iso parece incrible a cantidade de movementos diversos que estes bonecos realizan. Isto é posible grazas a habilidade dos manipuladores que se foi perfeccionando a través de varias xeracións. Nas representacións con títeres de luva atopamos personaxes que elaboran complexas coreografías de loita, outros que collen coas mans cestas, libros e variedade de obxectos, outros que realizan eles mesmos equilibrios con varas sobre as que fan xirar un prato e todo tipo de números sorprendentes.

Semellantes a estes son os títeres de variña, pero distínguense destes en que incorporan tres variñas coas que se manexan. A cabeza do títere vai unida á variña central e as outras dúas únense ás bonecas ou cóbados do títere, quedando parcialmente agachadas polas vestimentas. Esta constitúe outra das disciplinas principais do teatro chinés.

A maioría das representacións de títeres chineses levan un acompañamento musical a base de gongs que provén da adaptación destes espectáculos ó estilo Pei-kuan- un xénero de drama orixinario do territorio continental chinés,cantado e acompañado con esta música- o que lles proporciona un ritmo áxil e rápido. Nos espectáculos é común atopar movementos que recordan as artes marciais, axustados ó ritmo da música pei-kuan. Os títeres dan imposibles saltos para volver a caer en pé, dan reviravoltas, loitan e danzan e crean todo tipo de xogos dramáticos onde amosan as súas habilidades.

Inicialmente basean os espectáculos en adaptacións das novelas chinesas tradicionais, especialmente entres delas, polo que cobren unha variedade ampla de temas que poden representar cun estilo libro, xa que non hai un fixado. Isto favorece a que en Taiwan este teatro de títeres de desenvolva dunha maneira especial.
Sala Yago (Festival Galicreques)