Skip to main content

O IV Ciclo Universitario para maiores de 50 anos mantén aberto ata o 30 de outubro o seu prazo de matrícula

Estes estudos, que existen na Universidade de Santiago dende o curso 1997-1998, teñen por obxecto promover a incorporación de persoas maiores de 50 anos aos estudos universitarios, favorecendo a súa integración e participación en procesos formativos que resposten ás necesidades e expectativas deste colectivo social. O IV Ciclo, que se imparte nos Campus de Santiago e Lugo, establece un plan docente estruturado en cinco cursos, tres de carácter xeral e os dous últimos de especialización, co respaldo dun gran número de profesores da Universidade compostelá. Dependente da Vicerrectoría de Terceiro Ciclo e Extensión Docente, as clases do IV Ciclo desenvólvense en horarip de tarde de luns a xoves en distintos centros dos dous campus da USC. Con estes estudos a USC pretende vencellar e amplificar a súa oferta formativa con criterio de interdisciplinariedade e en consonancia cos principios que inspira a educación continuada, como experiencia global que se desenvolve ao longo de toda a vida de cada individuo, subliñando o protagonismo das persoas maiores.
As persoas interesadas en acadar información sobre este ciclo formativo poden dirixirse á Secretaría do Cuarto Ciclo emprazad na Escola Universitaria de Enfermería, no COIE ou na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo. Tamén poden chamar ao teléfono 981563100 ext. 12067 ou ao 982280405 ext. 21513.
Gabinete de Comunicación Universidad de Santiago de Compostela