Skip to main content

O colectivo Azouta presenta o documentario 3ª GZ 1·10

A fita recolle a historia persoal de oito profesionais do sector espallados por
toda a costa galega, que través do seu relato deliñan un amplo percorrido polas
mudanzas históricas e polos desafíos actuais aos que se enfronta a
construción artesanal de embarcacións de madeira.

A introdución de novos materiais como a fibra ou o ferro, que desprazaron á
madeira no eido da construción naval; a invisibilidade fronte a administración e
a sociedade da que adoece esta atividade; a degradación do monte galego,
que impide o emprego de madeiras autóctonas de calidade e obriga á
importación das foráneas; a eiva dunha formación non regrada que dificulta a
existencia de relevo de futuros profesionais ou a necesidade de formar parte
dos plans de estudo das enxeñerías navais ou o feito de non poder asinar os
seus proprios deseños, son algúns dos principais retos que a carpintería
enfronta hoxe día en Galicia.

3ª GZ 1·10, unha idea orixinal de Noa García e Xabier Vieiro, é unha produción
independente realizada ao longo deste ano, sen apoio económico de institución
pública ningunha, e coa colaboración do Museo do Mar de Galicia.

A estrea do documentario realizarase o vindeiro sábado 18 de decembro no
Museo do Mar de Galicia (Avenida da Atlántida núm. 160, Vigo) , ás 19.00
horas do serán.
Colectivo Azouta