Skip to main content

Xornada de debates sobre medios de comunicación e violencia contra as mulleres

Para abordar a complexa problemática que xera a violencia de xénero, e de maneira especial os efectos que ten nas mulleres que a sofren e nos procedementos que seguen os medios para reflectila, o Observatorio Galego dos Medios (do Colexio de Xornalistas) organizou para o día 16 de outubro unha xornada sobre Medios de comunicación e violencia contra as mulleres. Celebrarase durante todo o día no Instituto Galego da Información (San Marcos- Santiago), e nela intervirán, ao longo do día, representantes de medio cento de institucións e colectivos sociais, por unha parte, e medio cento de xornalistas galegos, pola outra. A xornada conta co patrocinio da Deputación de A Coruña. Nas catro mesas programadas intervirán inicialmente persoas que teñen directa ou indirectamente algún tipo de intervención en calquera das fases polas que unha muller maltratada se ve obrigada a pasar: a do tempo do suceso en si, a da asistencia, a da recuperación do seu estatus vital e socio-laboral (asociacións de mulleres, psicólogos, médicos, forzas de seguridade, tribunais, casas de acollida, colectivos cívicos en defensa dos dereitos da muller, entre outros). Coa comunicación de experiencias, tanto no relativo á situación das vítimas como ao tratamento informativo que reciben por parte dos medios, abriranse os debates cos xornalistas que cubren habitualmente en Galicia este tipo de feitos, intervindo asemade algúns dos máis recoñecidos expertos nesta problemática. Os xornalistas terán así a oportunidade de intercambiar ideas e puntos de vista con todas as posíbeis fontes ás que acudiren para a cobertura de casos de violencia doméstica, en cada unha das fases do proceso ao que se enfronta unha muller maltratada. Desta maneira, poderán axustar os procedementos para a producción informativa dese tipo de situacións conflitivas e, en consecuencia, cumprir coas esixencias éticas e profesionais que tanto as vítimas como a sociedade lles demandan. A xornada rematará coa aprobación da Declaración de Compostela, ou código que serva de referencia para a correcta cobertura informativa do suceso violento e das súas consecuencias para a muller que o sufre e para a sociedade, pois que se trata non só de actos criminais senón tamén dunha lacra social a extirpar.
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia