Skip to main content

O Igadi homenaxea cun acto cívico a Fernando Pérez-Barreiro Nolla

Entre outras personalidades, teñen confirmada a súa presenza nesta homenaxe en Baiona, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz e o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, ademais de diferentes personalidades do mundo da política e da cultura, familiares e amigos.

Posuidor dunha ampla traxectoria intelectual e no eido da tradución lingüística, así como de carácter profesional na BBC e na Organización Internacional do Café, Fernando Pérez-Barreiro Nolla foi galardoado polo Consello da Xunta de Galicia coa Medalla Castelao 2009, que premia a obra humana, artística ou cultural.

En 1972 publicou (Vigo, Galaxia) a tradución galega de Macbeth, a primeira á nosa lingua dunha obra de teatro de William Shakespeare.

Os seus coñecementos de chinés, adquiridos nos anos 1980, permitíronlle
publicar en 1982 (Vigo, Xerais) unha antoloxía de narrativa curta chinesa
moderna, Flores e leña, sendo as primeiras versións directas do chinés ao galego.

Tamén traduciu Alicia no país das marabillas e Alicia ao
outro lado do espello (Lewis Carroll), canda a súa dona Teresa Barro, e o primeiro deses títulos valeulle o premio Nacional de Tradución de Libros Infantís e Xuvenís, a nivel estatal (1985).

Nos anos 1990 impartiu cursos de tradución en universidades inglesas
(Westminster, Thames Walley) e europeas (Granada, Lisboa).

En 2005 confeccionou un Breviario do pensamento clásico chinés co que obtivo o premio Plácido Castro de tradución, ano en que tamén recibiu o Pedrón de Honra.

Participante e animador do Grupo de Traballo Galego de Londres, prestou
especial atención á dinamización do mundo educativo, con iniciativas e
reflexións orientadas a fomentar un espírito crítico e creativo.

A súa relación con Galicia mantívose a través das traducións do inglés ao
galego e do seu labor como membro do consello asesor do IGADI. Tamén escribía
con regularidade para publicacións galegas, como A Nosa Terra,
Tempos novos ou Tempo exterior.

Foi membro correspondente da Real Academia Galega e integrante da Comisión de acción exterior do Consello da Cultura Galega.

En 2007 foi obxecto dunha homenaxe con motivo do Día Internacional da
Tradución.
Igadi