Skip to main content

O SLG renovou no Congreso do Viño a súa aposta por unha viticultura social e de calidade

Respecto disto último, saíu reelixido Manuel Docampo, viticultor de Valdeorras que desempeñou esta responsabilidade durante os últimos catro anos. Xunto a el, a Dirección Nacional do Viño do SLG escolleu como vicerresponsábel a unha viticultora do Salnés: Elisa Buceta Domínguez.

Se houbese que resumir nunha soa frase as directrices programáticas aprobadas pola afiliación do SLG para o sector do viño, esta sería a aposta firme por “unha vitivinicultura social, ligada ás persoas, á terra, ás nosas variedades autóctonas e a unha cultura milenaria como sustentadoras do sector”.

No Congreso fíxose fincapé, precisamente, en defender esa viticultura social ligada ás persoas, xa que “este é o único modelo que traballa no sentido da boa calidade diferenciada, onde os viticultores e viticultoras son peza fundamental para proporcionar uvas de calidade, imprescindibles para conseguir un bo viño. Este modelo social fixa poboación activa no rural, que actúa como mantedora do medio”. Esta vitivinicultura de calidade contraponse a outra practicada por grandes empresas de corte industrial “cunha estratexia depredadora, que tenta rematar cos pequenos e medianos produtores e produtoras”.

Unha das principais reivindicacións do Sindicato Labrego para defender este modelo de viticultura é a necesidade de que se manteñan uns prezos mínimos para a uva que cubran todos os custes de produción, un salario digno, e dea estabilidade no tempo ás explotacións.

Neste senso, os textos aprobados no Congreso do Viño do SLG defenden a existencia de contratos homologados, pois “obrigan e dan estabilidade, por varios anos, á parte produtora e ás adegas que os asinan e serven como referencia de prezo ao resto do sector”.

Nembargante, a realidade é que este tipo de contratos, impulsados pola anterior Consellaría de Medio Rural, non son aínda a tónica dominante no sector: En Rías Baixas e no Ribeiro comercialízanse con contrato o 50 % das uvas amparadas, cantidade que baixa ao 20% en Valdeorras. Na Ribeira Sacra, este ano non houbo contratos, do mesmo xeito que en Monterrei, onde nunca chegou a habelos.

Outra das apostas do sector do viño do SLG ten que ver coa calidade. Precisamente, apostouse por “un modelo de viticultura de calidade dentro das denominacións de orixe e das tres indicacións xeográficas protexidas, pero tamén na viticultura non amparada por estas figuras”.

Non á incineradora no Ribeiro

Non faltou a crítica política neste congreso. Foron numerosas as voces que se queixaron da excesiva burocracia e esixencias sanitarias que, de cotío, supoñen un grande atranco para as pequenas e medianas explotacións. A isto habería que engadir as queixas polas numerosas infraestruturas e obras prometidas para o sector, sobre todo en períodos electorais, que nunca se levan a cabo; e o reparto inxusto das axudas públicas que, habitualmente, acaban no meirande en mans de grandes proxectos adegueiros de tipo industrial, deixando sen cartos ao resto do sector que é o que máis necesita as subvencións.

No eido local, a afiliación do SLG acordou oporse á construción dunha incineradora de lixo no Ribeiro polo enorme impacto contaminante que pode ter sobre unha denominación de orixe que, nos últimos anos, estaba a recuperar o prestixio perdido.

Clausurou o congreso a secretaria xeral do SLG, Carme Freire, que animou aos e ás asistentes a manter o espírito participativo e de debate demostrado ao longo das asembleas que precederon a este congreso como elemento diferenciador desta organización sindical.
Gabinete de comunicación do Sindicato Labrego Galego