Skip to main content

Concerto de primavera do Orfeón Lucense

A actuación, que en principio ía celebrarse o pasado Nadal pero debeu ser aprazada, está organizada polo Concello de Portomarín, co patrocinio da Vicepresidencia primeira da Deputación Provincial de Lugo.
O Orfeón, dirixido polo seu titular Xesús Mato Mato, vai ofrecer un concerto didáctico para o achegamento do público de Portomarín ás grandes cancións de todos os tempos, facendo especial fincapé en temas de Alfonso X (Cantíga LXXVII de Nosa Señora de Lugo), os Cancioneiros, San Juan de la Cruz, Perosi, Haendel ou Schubert, os lucenses Moreno Fuentes e Castiñeira, para rematar con grandes temas da canción galega, poñendo punto final coa Negra Sombra de Rosalía e Montes.

Dúas das pezas serán dirixidas polo tenor Marcos Fernández Mosquera, axudante de Xesús Mato ó que substitúe no caso da súa ausencia.
Os diversos temas do concerto serán explicados ó público, enmarcando os temas dentro do seu tempo e circunstancias, de xeito que a actuación signifique un verdadeiro achegamento á música dun xeito directo e pesoal.
Por outra parte, e tendo en conta que en Portomarín hai o desexo de crear un coro popular, o Orfeón e o seu Director téñense ofrecido para aconsellar e apoiar a iniciativa, apadriñando o seu nacemento e impulso.

Outras actuacións

Dentro das actuacións de Primavera do Orfeón Lucense, está prevista a súa actuación en Lalín o próximo mes de abril cun repertorio similar ó que o domingo ofrece en Portomarín. O 7 de maio acudirá a Baión (Pontevedra), a un Encontro Internacional de Corais, e a finais dese mes ofrecerá –como Coro Oficial da S.I.C.B.- no Altar do Bo Xesús da Catedral de Lugo un Concerto de Música Sacra.

Fotografía: Carlos Rodríguez.
Orfeón Lucense