Skip to main content

Xunta, sindicatos e patronal avanzan no Diálogo Social con 9 preacordos

A Xunta, xunto cos sindicatos CCOO e UGT, e a CEG, continúa avanzando no proceso do diálogo social, co fin de acordar medidas que permitan promover a revitalización económica e social de Galicia. Deste xeito, eleváronse á mesa de coordinación 9 preacordos máis, e que se suman así aos 15 xa ratificados o pasado verán.

Para dar conta dos mesmos compareceron en rolda de prensa a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato; o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra; e o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández. Previamente, os tres conselleiros participaron na xuntanza da mesa de coordinación, xunto cos representantes dos axentes sociais e económicos.

En concreto, estes 9 preacordos abranguen distintas temáticas e foron todos eles consensuados nas catro mesas xerais de traballo e nas tres sectoriais. En concreto, as mesas que forman parte do diálogo social son as seguintes: emprego e relacións laborais (mesa 1); competitividade empresarial e innovación (mesa 2); infraestruturas e desenvolvemento sostible (mesa 3); e políticas de benestar e cohesión social (mesa 4). Ademais das xerais, tamén se constituíron outras sectoriais para o sector do téxtil, do naval e da automoción.

Deste xeito, dos 9 preacordos, dous foron acadados no seo da mesa 1; tres na mesa 2; e dous nas mesas 3 e 4, respectivamente.

A ratificación destes preacordos supón, segundo considerou Mato, que “no peor contexto posible, cun terreo especialmente propicio para as dificultades, Galicia está a avanzar polo senda do consenso. Dialogar e chegar a acordos para mellorar a situación de Galicia é a nosa responsabilidade”.

Deste xeito, precisou que estes consensos servirán para “avanzar na mellora do emprego dentro das competencias da Xunta, promover o reforzamento de sectores estratéxicos da economía galega, continuar na mellora e planificación das infraestruturas hidráulicas e ambientais; e seguir mellorando a atención á dependencia e á discapacidade”.

Preacordos da mesa 1

Da mesa 1, de emprego e relacións laborais, ratificáronse dous preacordos: para a creación do Consello autonómico de emprego, os consellos provinciais de emprego e os comités territoriais de emprego; e o segundo, para a posta en marcha dun plan de acompañamento e atención individualizada para os mozos desempregados e para os demandantes de emprego que non recibisen aínda recursos por parte do Servizo Público de Emprego de Galicia.

Con respecto ao Consello autonómico de emprego, será un órgano consultivo, de participación e asesoramento. Nel tomarán parte a Administración, as organizacións empresariais máis representativas e as organizacións sindicais, e reunirase semestralmente. As súas funcións principais serán as de información e análise do mercado de traballo, así como da actuación do Servizo Público de Emprego de Galicia.

Pola súa banda, os consellos provincias desenvolverán esta mesma función con criterios provinciais, e ademais poderán facer propostas e recomendacións sobre programas e a súa eficacia. Finalmente, os comités territoriais de emprego levarán a cabo este traballo desde a perspectiva territorial. Haberá un total de 16 comités, delimitados en función da influencia das oficinas de emprego, e neles terá entrada a Fegamp.

Este acordo, polo tanto, supón un “novo escenario”, que permite substituír os pactos territoriais de emprego e conformar novos órganos de asesoramento máis efectivos.

O segundo preacordo da mesa 1 supón a posta en marcha dun plan de atención individualizada para persoas menores de 30 anos en situación de desemprego, e para aquelas persoas que estiveran desempregadas durante máis dun ano e que aínda non recibiran recursos do Servizo Público de Emprego de Galicia. Beneficiará a preto de 57.000 persoas, que seguirán inscritas como demandantes de emprego.

O programa busca mellorar a calidade da resposta dos servizos de intermediación públicos, ademais de atender “específicamente” ao paro xuvenil. As persoas que entren no programa recibirán un itinerario personalizado de inserción; o acceso ás accións formativas que requiran; a reorientación –de ser o caso- cara xacementos de emprego emerxentes; e un axeitado aproveitamento das políticas activas de emprego actuais.

Na mesa 2, de competitividade empresarial e innovación, acadáronse os seguintes preacordos: a implantación do selo naval e da credencial naval, e o deseño de medidas concretas para superar a actual situación do sector; medidas para a automoción; e actuacións para o fomento da creación e consolidación do emprendemento en Galicia.

Ao abeiro destes preacordos, o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, salientou a iniciativa para a implantación do Selo e Credencial Naval en Galicia e a creación da Comisión Técnica do Selo Naval, como órgano colexiado, encargado da tramitación técnica deste Selo, que será concedido pola Consellería. Neste acordo, o titular de industria destacou tamén a creación de grupos de traballo encargados do estudo dun marco lexislativo para o Sector Naval de Galicia ou da creación dun Fondo Patrimonial de Garantías para a industria auxiliar.

No eido da automoción, acordouse continuar avanzando nas políticas de dinamización que desenvolve a Consellería de Economía e Industria e prestar apoio a todas as ramas de actividade que conforman un sector considerado estratéxico para a economía de Galicia.

Ademais, no que se refire ao fomento da creación e consolidación do emprendemento en Galicia, o titular de Economía e Industria apuntou que a mellora da coordinación entre as diversas entidades, no eido do emprendemento e do autoemprego, provocou sinerxías que teñen aumentado a eficacia dos servizos prestados ás persoas emprendedoras e engadiu que o plan de acción acordado estará dotado con 2,89 millóns de euros.

A mesa 3 de “Infraestruturas e Desenvolvemento Sostible” elevou á mesa de coordinación os seguintes preacordos: en materia de xestión de residuos urbanos e industriais; e sobre actuacións en materia de infraestruturas hidráulicas e traballos medioambientais para o período 2010-2013.

No que se refire ás infraestruturas hidráulicas, a Xunta ten planificada unha inversión de 508,3 millóns de euros -segundo explicou Agustín Hernández- que irán destinados sobre todo a infraestruturas de saneamento, abastecemento e mellora das marxes dos ríos e, en menor medida, á xestión do Dominio do Público Hidráulico e á explotación de EDAR.

Os axentes sociais e as administracións públicas comprométense a actuar a través dunha estratexia que permita protexer o noso recurso máis prezado, a auga. Esta estratexia está baseada en tres eixos: garantir o abastecemento de auga en cantidade e calidade (corrixindo, por exemplo, situacións de infradotación de caudais e garantindo a subministración mesmo en períodos de seca a todos os núcleos de poboación de máis de 50 habitantes); estender e mellorar a xestión do servizo de saneamento e depuración; e protexer os ríos e costas galegos.

Pola súa banda, no que se refire ao preacordo sobre a xeración de residuos, a mesa aposta por deseñar novas estratexias comúns que conduzan a un cambio de mentalidade que permita visualizar o problema real que supón a xestión dos residuos e pór en práctica actuacións centradas na minimización da xeración nos procesos de produción e o cumprimento da normativa vixente por parte dos produtores e xestores tanto públicos como privados; no fomento dos mercados de materiais reciclados; no consumo responsable; ou na formación e concienciación, tanto dos traballadores como dos consumidores.

Por último, considerouse que resulta imprescindible solucionar a saturación das plantas de tratamento, un dos problemas que impide que unha elevada porcentaxe dos residuos xerados sexan tratados da forma máis adecuada. Con este obxectivo desenvolveranse melloras nas infraestruturas existentes e estudarase a construción de novas plantas que permitan tratar os residuos dunha maneira máis sostible e respectuosa co medio ambiente, apostando pola recuperación da maior proporción dos materiais posibles, co fin de minimizar a eliminación en vertedoiros controlados. A valorización enerxética sería o último elo dunha cadea deseñada para conseguir a máxima valorización material, tal e como determina a xerarquía.

Na mesa 4, de políticas de benestar e cohesión social, chegáronse a preacordos no desenvolvemento da Lei de Dependencia; e para o seguimento e avaliación do Plan de acción integral para persoas con discapacidade 2010-2013.

No que se refire á Lei de Dependencia, trátase da primeira vez que un Goberno, neste caso autonómico, “transparenta” a súa xestión da Lei de Dependencia e a somete ao control dos axentes sociais e económicos, segundo explicou Mato. Deste xeito, porase á disposición dos axentes sociais todos os datos para a súa análise, crítica e para recibir suxestións.

Tamén se establecen obxectivos concretos para 2011, así como diversos indicadores de seguimento. Un dos puntos principais deste acordo é que se establece –e se controlará- o incremento real dos orzamentos para dependencia nun 3 por cento neste ano 2011.

Entre outros puntos, este preacordo recolle: a mellora da xestión da demanda do solicitantes; a mellora da xestión da oferta de servizos e prestacións; máis recursos de apoio ás persoas coidadoras; a elaboración dun catálogo de servizos e o establecemento de principios de calidade.

Por outra banda, o último preacordo establece o seguimento do Plan de acción integral para as persoas con discapacidade de Galicia 2010-2013. Este Plan é o primeiro proxecto integral e transversal dun Goberno de Galicia para atender ás persoas con discapacidade. O plan conta con preto de 300 medidas, nas que están implicados o conxunto do Goberno galego

Para rematar, Mato resaltou que o diálogo social continuará traballando arreo “como desde o principio”. Todos os conselleiros agradeceron, ademais, a capacidade de esforzo e diálogo amosado por todos os interlocutores e fixeron un chamamento para continuar nesta senda.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia