Skip to main content

O CETAL presenta os avances do proxecto Amiga

Algo máis de 50 membros de asociacións micolóxicas de toda Galicia, ademais dalgún achegado dende Portugal e Castela e León, e do presidente da Federación Galega de Micoloxía, participaron na Casa Grande da Fervenza, no concello de O Corgo, no Primeiro Congreso Lucus de Asociacións Micolóxicas, organizado pola Sociedade Micolóxica Lucus, en colaboración co Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo, o concello de Lugo e a Deputación provincial de Lugo.

Julián Alonso, encargado do proxecto de Aproveitamentos Micolóxicos en Galicia (AMIGA) do CETAL e presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, resume as grandes problemáticas comúns a estas entidades na falta de organización real e comunicación entre elas; a falta de financiamento; a responsabilidade civil (ao realizar actividades medio ambientais o tema de seguros colectivos, mutuas); entre outras.

Sobre o primeiro aspecto destaca que “o peso de toda a organización, administración e xestión da asociación reside nuns poucos directivos, neste senso debemos implicar o máis posible a cada socio tanto nas actividades formativas, como no resto de traballo que leva consigo este ente (busca de financiamento, reparto de tarefas, entre outras). Unha asociación debe ser como unha mesa na que o peso organizativo e administrativo distribúese mellor cantas máis patas a soporten e debe haber unha renovación efectiva daquelas patas que rompan”.

Así pois, este micólogo experto, recomenda reunións frecuentes, participación efectiva de directivos e socios, automatizar ao máximo as actividades e tarefas rutinarias (cobro de cotas, manuais para exposicións, uso de novas tecnoloxías), así como adecuar as actividades á realidade organizativa da entidade (persoal e tempo dispoñible). Ademais subliña a importancia de que cada un dos socios se sinta responsable do proxecto no que participa; sobre este aspecto avoga polo seguimento estrito de normas (mentalización, planificación, comunicación, entre outras).

Sobre o financiamento fai fincapé na relación coas administracións, xa que as cotas dos socios non son suficientes para soportar o peso de actividade destas entidades. De aí a importancia, di, de centrar a programación das asociacións en actividades e proxectos relevantes, atractivas, e importantes para a sociedade en xeral e para os entes públicos. Neste senso, agradeceu a colaboración do CETAL, do concello de Lugo e da Deputación provincial.

Alonso fai alusión, tamén, a importante función dos medios de comunicación, das redes sociais, blogs e da necesidade de ter unha páxina web da Federación Galega de Micoloxía que deberá prestar servizo a todas as asociacións para trasladar á sociedade todo acerca do mundo micolóxico e do seu labor medio ambiental, proxectos, iniciativas e actividades.

Outra das mesas de debate protagonista na xornada foi a regulación dos recursos micolóxicos; despois da xornada organizada hai uns meses polo CETAL, Alonso sinala que a súa pretensión (das asociacións) é que exista unha regulación que protexa o recurso, que non prohiba sistematicamente a recollida de cogomelos, senón que permita que se faga de xeito organizado e controlado, para que se poida seguir disfrutando del no futuro; a súa finalidade última é constituír un documento que poder presentar diante da Xunta de Galicia para que se faga algo ao respecto e que a administración galega se implique no tema.

Sobre o proxecto AMIGA detallou que no primeiro trimestre deste ano preparáronse as analíticas dos fungos silvestres recollidos nas 4 provincias galegas, as mostraxes e un dossier para ver o tema de micoturismo con diversos concellos de Lugo, para o que haberá unha reunión en breves; estanse realizando contactos para levar a cabo outras liñas de actuación na zona Courel; o mes que ven visitará Valladolid para contactar con xente do MYAS para falar do tema da regulación; así mesmo, está pendente rematar o convenio final da Fraga Vella para facer un estudo de biodiversidade nesa zona; están asesorando ao persoal do Parque Micolóxico de Belelle, en Fene, o único existente en Galicia, na identificación microscópica dos fungos, para facer o estudo de biodiversidade do parque; e o mes que ven empezaranse os análises das mostras recollidas para procesar os resultados .

Gabinete de Comunicación do Cetal