Skip to main content

O SLG participa na manifestación de Madrid para esixir do Goberno a creación dun gasóleo profesional agrícola

O Sindicato Labrego Galego apoiará mañá, 12 de novembro, a manifestación organizada pola Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG) en Madrid para esixir do Goberno a creación dun gasóleo agrícola profesional. Será unha comitiva encabezada polo Secretario de Organización do SLG, Xoán Monasterio, a que se desprace á capital do Estado para apoiar esta reivindicación. As protestas iniciaranse ás 11.00 horas e COAG prevé que concentrarán a uns 5.000 labregos e labregas vidos de toda España.
O Sindicato Labrego Galego xa manifestou, días atrás, a súa decepción ante o paquete de medidas fiscais anunciado pola Ministra de Agricultura, Elena Espinosa, para paliar temporalmente o impacto que a suba dos carburantes está a ter na economía dos labregos e labregas do Estado: a devolución de seis céntimos para os primeiros 3.000 litros de gasóleo entre setembro de 2005 e xuño de 2005, o que supón un total de 72 millóns de euros, é manifestamente insuficiente; se facemos cálculos, con eses cartos, e en caso de que todas as explotacións do Estado soliciten a axuda, só tocará a 100 euros para cada unha no presente ano, e outros tantos o ano que vén. En canto ao resto das medidas anunciadas, non acadan os 150 millóns de euros prometidos polo ministerio de Agricultura.
Para o Sindicato Labrego Galego, atopámonos diante dun problema estructural para o que non valen medidas de aplicación conxuntural que, por riba, son insuficientes. Precísanse, pola contra, solucións que aborden de raíz un problema que ten como factores máis destacados o baixo nivel de renda dos labregos e labregas, e os impostos abusivos con que o Goberno está a gravar os carburantes, que no caso do gasóleo supoñen un 32’5% do seu prezo final.
A única solución, xa que logo, para rematar con esta crise debe pasar pola creación dun gasóleo agrícola cun prezo social adaptado ás necesidades da produción agropecuaria. Esta demanda non é unha quimera; pola contra, trátase de algo perfectamente realizable se o Goberno de Zapatero ten a vontade de atallar un problema que está poñer en xaque a miles de explotacións agrarias en todo o Estado.
Por todo o devandito, o Sindicato Labrego Galego apoiará as manifestacións reivindicativas que acontecerán en todo o Estado para esixir a creación dun gasóleo agrícola, e seguirá demandando a seguinte serie de medidas de tipo fiscal para conseguilo:
-Exención do imposto especial de hidrocarburos para o gasóleo utilizado nas actividades agrarias (na actualidade, os labregos pagan 0’079 euros por litro, 13’09 pesetas, por este concepto).
-Aplicación dun tipo reducido de IVE para o gasóleo consumido polos profesionais agrarios de maneira que, en troques de aplicar o tipo actual do 16% (0’06224 euros por litro, ou 10’35 pesetas), se aplique o 7%.
-Supresión da taxa de hidrocarburos, ou Imposto sobre Venda Minorista (IVM), que é de 0’006 euros por litro (1 peseta).
-Establecemento dun prezo social para o gasóleo agrícola, que evite as oscilacións á alza do prezo de custe e posibilite a rendibilidade das producións agropecuarias polo seu alto valor estratéxico de cara á mantenza dun mundo rural vivo e por seren a fonte dun dereito humano básico como é a alimentación.
Gabinete de Comunicación do Sindicato Labrego Galego (SLG)