Skip to main content

A Federación Ecoloxista Galega denuncia a desidia da Administración Autonómica na Conservación dos nosos ríos

A Federación Ecoloxista Galega amosou a súa preocupación pola mala xestión que se está a facer nos ríos galegos e para os cales enumerou e detallou ante este Comité numerosas irregularidades detectadas durante a temporada 2003-2004 e que foran denunciadas no seu momento polos ecoloxistas ante a Consellería de Medio Ambiente sen recibir ningún tipo de contestación. A FEG agardaba que coa celebración desta reunión a Consellería de Medio Ambiente dera explicacións a moitas das irregularidades sen resposta denunciada e a sorpresa foi maiúscula ó comprobar que Medio Ambiente tentou evitar o debate destas cuestións e esgrimindo unicamente que a situación é de completa normalidade e da falsidade do contido das denuncias. O representante da FEG argumentou que incluso os propios técnicos da Xunta e gardería recoñecen a existencia da xestión caótica e irregular coa que se está actuar e que o silencio ou respostas ofrecidas pola Consellería de Medio Ambiente non fan máis que incrementar as dúbidas ó respecto.
A FEG observa neste comportamento que o único interese que ten a Xunta de Galiza pola conservación dos ríos é a de espremer ata a última gota dos seus recursos, ben coa política de concesión desmesurada de aproveitamentos hidroeléctricos, como pola planificación da xestión das especies piscícolas enfocada unicamente a manter un cupo elevado de capturas aínda que sexa a costa de levar ós límites da extinción as poboacións salvaxes de varias especies, particularmente o salmón e a troita, a costa da única medida que están a facer con moito celo o mantemento das poboacións de xeito artificial por medio de sucesivas repoboacións con alevíns. Neste último ano denunciouse reiteradamente que as repoboación non garanten a calidade sanitaria mínima denunciado por científicos, pescadores e grupos ecoloxistas, para manter uns niveis aceptables de capturas.
A FEG recordou que fai catro anos no Comité de Pesca Galego puxérase a consulta o borrador do Plan de Ordenación dos Recursos Piscícolas e finalmente non se puxo en funcionamento, sen ofrecer a Consellería ningún tipo de explicación e unicamente indicando que estaban a facer un novo. Resulta preocupante que a estas alturas, e despois de 12 anos nos que leva vixente a Lei Reguladora de Pesca fluvial, aínda non exista un Plan para tentar atallar os problemas que afectan aos ecosistemas fluviais como a contaminación agrícola, a destrucción dos hábitats (Encoros, canalización...) ou a alta presión pesqueira que soportan. Mentres, estase aproveitar para destruír de forma irremediable os nosos ríos.
Entre as denuncias nos que se agardaba unha explicación por parte da Consellería atópase as irregularidades na xestión do salmón no río Ulla, co incremento de obstáculos para o remonte no lugar da súa eliminación e a falta de vixilancia e guiado das capturas; mantemento de cupos de captura de salmón moi por riba das recomendacións dos informes técnicos; procedementos irregulares en diferentes actuacións no río Tambre; abandona de instalacións de escalas como a de Frieira; a venta en lonxas de baixura de Galicia de salmóns e reo prohibido pola Lei de Pesca Fluvial.
Federación Ecoloxista Galega