Skip to main content

Caramuxo, Sarabela e os showcases de danza, novo circo e maxia, na Mostra de Artes Escénicas

A compañía de teatro infantil Caramuxo co seu espectáculo Pío e o grupo Sarabela coa súa montaxe titulada Tango ocupan o martes 18 de outubro os escenarios da SGAE/Fundación Autor (11:00h) e do Teatro Principal (18:30h) de Santiago de Compostela, dentro da programación da Mostra de Artes Escénicas de Galicia. A segunda xornada do evento que organiza a Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura e Turismo para a promoción da produción escénica galega completarase cos showcases de danza, novo circo e maxia que se desenvolverán no Salón Teatro a partir das 22:00h a cargo dos colectivos An-danza, Entremans, Traspediante, AsSircópatas, Isla Le Triska, P&G Circus e Mago Teto.

A Mostra de Artes Escénicas de Galicia desenvólvese ata o xoves 20 de outubro coa exhibición de 25 espectáculos e a asistencia de preto de cincuenta programadores e axentes culturais galegos, ademais de ofrecer ao público xeral a posibilidade de acceder de balde ás funcións, sempre segundo o aforo dispoñible. Así, os espectadores poderán retirar as súas entradas nas billeteiras do espazos correspondentes, que abrirán unha hora antes do comezo de cada representación.

Bonecos de Óscar Villán

Pío é o título do novo espectáculo dos coruñeses Caramuxo, compañía especializada en teatro para o público infantil de máis curta idade. Na súa nova proposta, Juan Rodríguez e Laura Sarasola mesturan teatro de actor e títeres para compoñer unha historia chea de humor e tenrura para toda a familia, aínda que especificamente indicada para nenos de 3 a 7 anos. Pío é un paxaro que nace só na fraga, sen ningún referente a seguir. Coñecerá na súa aventura unha morea de animais, e descubrirá que non é un peixe, nin unha toupa, nin un coello.. A montaxe conta ademais co aliciente de que os bonecos utilizados son obra de Óscar Villán, Premio Nacional de Ilustración.

Xa no programa de tarde, Sarabela Teatro ofrecerá unha función de Tango, espectáculo dirixido por Ánxeles Cuña a partir do texto de Slawomir Mrózek, con Fina Calleja, Elena Seijo, Vicente de Souza, Fernando Dacosta, Sabela Gago, Lino Braxe e Nate Borrajo no elenco.

Tango desenvólvese na casa dunha familia moi particular. A extravagante avoa Lilith e a tía Xena son as representantes da xeración máis vella. O pai, de nome Stomil, e a nai, Eleanora, son artistas que pertencen a unha vangarda desaparecida, que se manifesta a favor da liberdade do individuo e que se comporta dun xeito descoidadamente informal. O fillo, Artur, e a súa moza, Ala, prepáranse para casar con toda a pompa e crear así unha nova familia. Sen embargo, Artur cre que primeiro ten que ordear o caos que impera ao seu redor… e tamén habita a casa un misterioso extranxeiro.

Noite de danza, circo e maxia

Tanto Pío como Tango exhibiranse en formato completo, unha das dúas modalidades de participación na Mostra das Artes Escénicas de Galicia. En cambio, no Salón Teatro a partir das 22:00 horas, terá lugar a segunda das dúas series de showcases programados coa sucesión de 7 pases dun máximo de 20 minutos correspondentes a outros tantos espectáculos que, nesta segunda xornada, correspóndense con tres propostas de danza, outras tres de novo circo e unha última de maxia.

A primeira montaxe da noite será Ausencia, de An_danza, unha peza creada e interpretada por Amparo Novas e Ariel Caramés á que seguirá Blondy’s coffee, de Entremans, dirixida e bailada por Kirenia Martínez e Beatriz Pérez e Baleadas, danza para público infantil a cargo da compañía Traspediante que integran Marta Alonso, Begoña Cuquejo e Paulina Funes.

As tres presentacións de novo circo serán Montaxe, de AsSicópatas, con dirección de Gorka Ganso; Montaña Rusa/Vida e obra de Fermín Noite, de Isla le Triska, con dirección de Walter Velázquez e Natalia Outeiro; e Roces & Goces, de Producciones P&G Circus, con dirección de Marta Pazos.

A última función corresponderá ao espestáculo As Novas Tolemaxias, no que o Mago Teto retorna á esencia do ilusionismo en estado puro cunha produción chea de efectos novidosos en todas as disciplinas do xénero, desde a maxia de cerca ata as grandes ilusións, pasando polo mentalismo ou a manipulación; e sempre co estilo persoal do mago, que adoita aderezar as situacións absurdas e surrealistas cun toque “canalla”, como el mesmo di.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia