Skip to main content

Debate aberto sobre: ¿Que futuro para o galego na mocidade?

Mañá, mércores, día 24 de novembro, ás 19.30 horas, na sede da Fundación Carlos Casares (Rúa Elduayen, 36-2º -edificio Asefal-), en Vigo, proseguerá o ciclo Debates Abertos “Lingua e Linguas” que a Fundación puxo en marcha a través do seu Seminario Permanente Lingua e Sociedade, coordinado polo profesor da Facultade de Traducción e Interpretación da Universidade de Vigo Anxo Lourenzo.
Nesta segunda sesión do ciclo, co título ¿Qué futuro para o galego na mocidade?, farase a presentación e posterior debate sobre o libro O galego segundo a mocidade, publicado este mesmo ano pola Real Academia Galega, e nel participarán Ana Iglesias, autora do libro Falar galego: no veo por qué, Antonio Fernández Salgado, membro do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, o psicólogo Xaquín Loredo Gutiérrez, e a
socióloga María Isabel Suárez Fernández, que participou nos traballos preparatorios dos plans de normalización lingüística dos concellos de Santiago de Compostela e Ferrol.
Os Debates Abertos Lingua e Linguas é unha nova iniciativa da Fundación Carlos Casares que quere achegar o fenómeno lingüístico á sociedade galega trascendendo o ámbito académico para converterse nun foro de debate a disposición de todos os interesados.
A programación deste ciclo completarase o vindeiro día 14 de decembro con outro acto de similares características onde se debaterá sobre Linguas e Nacións de Europa, co soporte do libro do mesmo título, autoría de Daniel Baggioni, publicado pola Editorial Laiovento en 2004. As sesións de debate son de entrada libre e gratuíta e levaranse a cabo na Biblioteca-Salón de Actos da Fundación Carlos Casares.
Fundación Carlos Casares