Skip to main content

Menhai, La Familia, Jane Joyd, A. Benthley e A. Boba, en "Cancións por regalos"

A iniciativa “Cancións por regalos” abre a programación da Cidade da Cultura para este novo ano 2012 cun concerto solidario o martes 3 de xaneiro ás 18,00 horas na Biblioteca de Galicia. Este actividade contará coas actuacións de cinco das mellores bandas pop nacionais, onde para entrar non fará falla mercar unha entrada, senón que abondará con entregar un regalo que despois a ONG “Iniciativa Social Berce” fará chegar a un neno con poucos recursos.

Mehnai, La Familia, Jane Joyd, Alondra Bentley e Abraham Boba serán os protagonistas da segunda edición de “Cancións por regalos”, iniciativa que se celebrou o ano pasado durante a programación do Xacobeo 2010 e que contou cunha excepcional acollida por parte do público. As bandas que participantes ofrecerán un repertorio adaptado a un formato acústico e dirixido a un público familiar.

A través desta actividade, os asistentes gozarán dalgunhas das mellores bandas de indie-pop do momento como os galegos La Familia e a súa viaxe ao son dos 60; ou Jane Joyd, o proxecto musical da coruñesa Elba Fernández, situado na onda do novo folk americano. A lista complétase con Menhani e a súa mistura de calidez e melodía nunha voz prometedora con temas evocadores dun pop máis internacional; Alondra Benthley, unha ‘songwriter’ perdida nalgún lugar entre o pop e o folk; e Abraham Boba, coñecido ultimamente por acompañar a Nacho Vegas e que trae ata o Gaiás un universo musical propio pero nun formato máis eléctrico que nunca.

“Cancións por regalos” enmárcase dentro da programación que a Cidade da Cultura deseñou especialmente para pasar este Nadal en familia no Gaiás e que concluirá este mércores 4 de xaneiro coas dúas últimas “Visitas Máxicas ao Museo”, que terán lugar ás 12 e ás 18 horas e para as que xa non hai prazas. O programa especial contou tamén con obradoiros de “Xoguetes Sonoros”, no que os nenos aprenderon a confeccionar e tocar instrumentos musicais tradicionais.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia