Os galegos teñen unha visión máis integradora da inmigración que as demáis comunidades autónomas
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/santiago_camba_rp_2.jpg)
Para a elaboración do Barómetro realizáronse 1.912 entrevistas telefónicas e presenciais a cidadáns españois e estranxeiros maiores de 18 anos. Delas, 798 corresponden a cidadáns españois residentes na Comunidade, 801 a estranxeiros residentes en Galicia, e 313 a cidadáns galegos con residencia no estranxeiro. Esta variedade de procedencias e residencias permite unha comparación interesante entre a propia percepción e a visión foránea.
O Barómetro reflicte opinións e percepcións nunha tripla perspectiva. En primeiro lugar, sobre o trato habitual existente entre os cidadáns nados en Galicia e as persoas inmigrantes; en segundo termo, en relación aos plans de futuro dos inmigrantes para se estableceren definitivamente no territorio galego ou retornaren ao propio; e finalmente, sobre se as condicións de vida dos inmigrantes son mellores aquí ca no seu país de orixe. Asemade, e dada a vocación de continuidade da iniciativa posta en marcha polo departamento de Camba, permitirá, co paso dos anos, unha perspectiva real da evolución da perspectiva popular do feito migratorio.
Menos relación, pero mellor
Entre os datos máis salientables do estudio sitúase que o 38 por cento dos enquisados din que a relación entre inmigrantes e nativos mellorou nos últimos tempos, aínda que se rexistra un 22 por cento de estranxeiros residentes en Galicia que cren que a relación cos galegos é peor ca no 2010.
Tamén descende a porcentaxe, tanto de galegos coma de foráneos, que din manter relacións habituais uns cos outros. Igual ca sucedía o pasado ano, a maior parte das amizades xorden no ámbito laboral.
Cabe salientar a diferenza de perspectiva respecto da porcentaxe de inmigrantes en Galicia. Así, mentres unha amplísima parte dos propios inmigrantes, e tamén dos galegos residentes no estranxeiro, acertan coa porcentaxe, unha boa parte dos nativos residentes en Galicia calculan moi por riba da cifra real.
O 37% dos residentes galegos consideran que os inmigrantes están bastante ou moi integrados, e cómpre destacar que esta porcentaxe aumenta no caso dos estranxeiros: a metade vese bastante ou moi integrados, aínda que, en contraste, hai que sinalar que o 44% cre que o está pouco ou nada.
Lexislación, e situación actual
Respecto a se as leis españolas son ou non tolerantes para a regularización dos inmigrantes, existe un dato que amosa unha gran diferenza nos resultados entre os galegos da diáspora e os residentes na Galicia territorial. Así, o 68% do galegos residentes no estranxeiro considera que a lexislación é excesivamente tolerante, fronte a tan só un 9% dos españois residentes en Galicia. Canto aos propios inmigrantes, a maioría deles decántanse por consideralas ‘axeitadas’ e mesmo ‘tolerantes’.
Outro dato rechamante é que máis dunha cuarta parte dos inmigrantes enquisados cualifican a súa situación como ‘peor’ ca cando saíron do seu país, pero máis da metade considérana ‘igual’ ou ‘mellor’.
Posibles efectos da crise
Unha maioría ampla, mesmo de galegos residentes en Galicia, considera un feito positivo ou moi positivo a presenza de nenos inmigrantes nas aulas, e o 40% considera a integración dos estranxeiros como un feito positivo para o desenvolvemento do país. E case tódolos enquisados cren que os nenos foráneos non retrasan o normal funcionamento das aulas.
Iso si, constátase un descenso na visión do feito migratorio como algo positivo para a economía española na poboación nativa residente na Galicia territorial, un feito seguramente derivado das peores condicións económicas que sofre toda a sociedade. Moitos galegos residentes aquí consideran ademais que os inmigrantes teñen máis dereitos ca os propios galegos (trátase dun novo apartado da enquisa de 2011, polo que non se pode observar a evolución respecto de 2010).
Igualmente, cómpre salientar que unicamente o 22% dos galegos emigrados pensa no retorno definitivo como posibilidade de futuro, aínda que a metade si fala de retorno temporal, sobre todo por razóns familiares. Tódolos galegos da diáspora enquisados coinciden en que a promulgación da Lei de Retorno en Galicia, que xa prepara o departamento de Camba, será un feito ‘importante’ ou ‘moi importante’.
Comparativa co ‘Oberaxe’
En liñas xerais, os datos do segundo Barómetro da Inmigración debuxan liñas similares ás do Informe anual sobre la situación de la discriminación y la aplicación del principio de igualdad de trato por origen racial o étnico en España, editado polo Observatorio Español del Racismo y la Xenofobia (Oberaxe), se ben a percepción dos galegos nativos resulta bastante máis “integradora” cá dos españois no seu conxunto, estudio realizado nos últimos meses da anterior lexislatura nacional.
Isto pode explicarse pola profunda pegada histórica que deixou o feito da emigración no inconsciente colectivo galego, e tamén pola menor presión inmigratoria –especialmente de países extra comunitarios- que recibe Galicia respecto doutras zonas de España.
O Barómetro da Inmigración, que está chamado a converterse nun elemento de referencia de gran utilidade para as institucións públicas e privadas que están a traballar no eido migratorio, é o primeiro impulsado dende a actual Administración autonómica. A elaboración do estudo en anos sucesivos, ademais de permitir a análise da evolución das opinións e percepcións sobre a inmigración en Galicia, tamén posibilitará afondar naquel tipo de consultas que poidan ter máis interese en cada momento, dado o carácter especialmente dinámico e cambiante do feito migratorio.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia