Skip to main content

ADEGA denuncia o estado de abandono do Centro de Interpretación das Gandaras de Budiño

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) vén de presentar diante da Consellería de Medio Ambiente un escrito demandando explicacións sobre o estado de abandono no que ficou o Centro de Interpretación das Gándaras de Budiño desde a súa inauguración en abril de 2002. O Centro, no que se investiron 470.000 euros e cuxa xestión é competencia da Consellería de Medio Ambiente, nunca funcionou e está hoxe moi deteriorado.

O Centro leva dous anos e medio abandonado, con portas e fiestras rotas e abertas, atopándose o seu interior nun estado lamentábel, froito da humidade, o desleixo da Consellería e o vandalismo.

Este feito vén demostrar, unha vez máis, o desinterese da Consellería de Medio Ambiente pola Educación Ambiental en xeral e por este espazo en concreto. Así mesmo, é outro exemplo da nula coordenación entre os distintos departamentos da Consellería, plasmada na desconexión entre a educación e a divulgación ambiental e a xestión ambiental dos espazos naturais.

Atopámonos de novo diante da obsesión da Consellería de Medio Ambiente polo monumentalismo electoralista e por un concepto da educación ambiental asociado á inauguración de infraestruturas sen maior intención, coñecemento ou vontade de dotalas cos medios suficientes para que cumpran a súa función.

A Estratexia Galega de Educación Ambiental (EGEA), aprobada pola propia Consellería, recolle entre outras recomendacións, as de "considerar a educación ambiental como un elemento estratéxico para o desenvolvemento sustentábel, promove-la investigación das actuacións educativas relacionadas co medio ambiente, e incrementar os orzamentos dos distintos tipos de axudas e subvencións destinadas á realización de actividades e programas de educación ambiental dirixidas aos distintos axentes promotores da educación ambiental en Galiza". Lamentabelmente, a situación é a contraria. A promoción da Educación Ambiental referida tanto aos chamados espazos naturais como aos equipamentos, carece de mecanismos de aplicación e dun plan ou criterios serios, e vai na dirección contraria á proposta pola EGEA. Namentres, a meirande parte dos educadores e educadoras ambientais do pais atópanse nunha situación absolutamente precaria. A Consellería de Medio Ambiente, no lugar de ofrecer programas centrados en equipas humanas, dilapida os cartos na construción de edificios para logo abandonalos.

A situación do centro non é máis que o fiel reflexo do que lle acontece ás Gándaras de Budiño, un espazo cunha grandes potencialidades que fica esquecido e agonizante sen que se adopten medidas para salvalo.

Diante destes feitos de enorme gravidade, ADEGA demanda da Consellería de Medio Ambiente:

1.- O deseño dun Plano Educativo para este espazo natural e as infraestruturas xa construídas, onde o recurso humano sexa esencial, dotándoo dos recursos económicos precisos para mantela no tempo.

2.- Que a Consellería asuma definitivamente as recomendacións da Estratexia Galega de Educación Ambiental .

3.- A apertura dunha investigación e a depuración das responsabilidades pertinentes polo desbaldimento de cartos públicos que supón o estado deste equipamento.
Adega