Skip to main content

TVE debe emitir en galego tódalas súas desconexións para Galiza

En cumprimento das medidas recentemente aprobadas no Plano Xeral de Normalización Lingüística e no Congreso dos Deputados, a Mesa pola Normalización Lingüística está a desenvolver unha campaña coa finalidade de que o programa Desde Galicia para el mundo se emita en lingua galega, tal e como ten sido demandado reiteradamente. A Mesa transmitiulle a múltiplas entidades da emigración galega un manifeto titulado En galego para o mundo. A Mesa insiste na súa demanda de que se emita en galego este programa, tendo en conta que, recentemente, na Comisión de Control de RTVE no
Congreso se aprobou que as desconexións de TVE en Galiza sexan sempre na lingua propia do país. Ademais, a medida 7.3.18 do Plano Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento Galego o pasado mes de Setembro, indica que o Goberno galego debe negociar con TVE a emisión en galego do programa Desde Galicia para el mundo. A Mesa dirixiuse ao Director Xeral de Política Lingüística, ao Consello Asesor de RTVE en Galiza e ao Director do Centro Territorial para que inicien as xestións encamiñadas a facer efectivas estas medidas, e que a gravación e a difusión en galego do programa sexan axiña realidade.
TEXTO DO MANIFESTO: EN GALEGO PARA O MUNDO
Televisión Española en Galiza produce, en colaboración coa Xunta de Galiza, o programa Desde Galicia para el mundo, que exclúe totalmente o idioma galego. Este programa emítese polos canais internacionais de TVE e da TVG e, para Galiza, através de TVE-2 dentro dos horarios de desconexión autonómica que a cadea estatal debería aproveitar para emitir no idioma proprio do país.
Segundo a Lei de Normalización Lingüística, aprobada por unanimidade no Parlamento Galego en 1983, a nosa lingua na Galiza do presente serve de vínculo esencial entre os galegos afincados na terra nativa e os galegos emigrados polo mundo. Isto contradise co feito de que se pague con fondos públicos un programa de TV que supostamente serve para afortalar esta unión, mais que, cara a fóra, camufla o noso principal sinal identitario e que, cara a dentro, diminúe o xa reducido tempo de emisión en galego nesta cadea pública. Esta exclusión da nosa lingua repercute tamén negativamente na
difusión da Galiza nos outros países que pertencen ao sistema lingüístico galego-portugués. Ademais, é gravísimo o feito de que se estexa a impor o uso do español ás persoas que entrevistan neste programa. Por estas razóns, os colectivos e as persoas que asinamos este escrito, galegos e galegas residentes fóra de Galiza, demandamos que o programa Desde Galicia para el mundosexa substituído por un programa gravado e emitido en lingua galega, tanto a través da desconexión para Galiza como para os canais internacionais de TVE e da TVG.

A Mesa pola Normalización Lingüística