Skip to main content

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais colabora no I Concurso de Fotografía sobre Actividade Empresarial

As fotografías deberán ter por obxecto calquera aspecto relacionado co mundo e a actividade empresarial, sexa arquitectónico, laboral, financeiro ou comercial. Deberanse presentar como máximo dous orixinais en formato copia papel en cor ou branco e negro, nun tamaño que non supere os 20 X 25 centímetros e co título da obra no reverso. Os traballos, que no poderán estar retocados nin ter sido obtidos empregando filtros nin manipulados mediante técnicas informáticas, deberán entregarse na Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre (Vía Edison 1, Santiago).
O primeiro premio do concurso consiste en 400 euros, unha estatua deseñada polo artista Suso León e un diploma, sendo o segundo 300 euros, trofeo e diploma, mentres que o terceiro serán 200 euros ademais de trofeo e diploma. Aínda que o certame se dirixe ao público en xeral, entre os premios que se concedan contémplase un accésit á mellor fotografía presentada por un alumno da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC consistente en 300 euros e diploma. Tamén haberá outros dous accesits á mellor fotografía presentada por un traballador ou empresario dalgunha empresa radicada no polígono compostelán e outro á máis votada polo público asistente á exposición que se celebrará na sede da asociación.
O xurado estará formado por directivos membros da Asociación de Empresarios, un membro do equipo decanal da Facultade, un representante de Caixa Galicia e profesionais da fotografía. O fallo farase público o martes, 14 de decembro, data na que se entregará o premio nunha cerimonia a celebrar na sede da Asociación. Os traballos recibidos exporanse ademais na sede da Asociación do 14 ao 31 de decembro e posteriormente na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.
Gabinete de Comunicación USC