Skip to main content

Mini e Mero, homenaxeados no día da Galiza Mártir 2012 polo seu labor de investigación, apoio e difusión da recuperación da memoria histórica

Neles únese a preocupación por investigar e coñecer o acontecido, coa necesidade de socializar estes feitos.

Na súa longa traxectoria no campo da música teñen abordado esta temática
nas súas composicións, tanto ambos os dous como a través da súa
participación en Fuxan os Ventos ou A Quenlla.

Algunhas pezas súas como por exemplo Romance de Cego á Caída de Manuel Ponte, Comandante Moreno, As cunetas son hoxe referencias fundamentais para dar conta do acontecido. Mais quizais o seu traballo máis explícito sobre a recuperación da memoria histórica sexa “Silencios na Memoria”.

Mais a sobre todo, a Fundación “Alexandre Bóveda”, quixo recoñecer a súa
presenza coa súa actuación nas homenaxes a vítimas da represión
franquista.

Son innumerábeis os actos que contaron coa súa intervención, acudindo de
xeito desinteresado a toda clase de actos coas que as asociacións
lembraban vítimas da represión. Homenaxes a Moncho Reboiras, en San Simón, no Congreso da Guerrilla e moitos outros contaron coa súa arte para
dignificalos e apoialos. Se ben, eles mesmos teñen desenvolvido labor
directa de recuperación da nosa historia como é o caso de do traballo
levado a cabo por Mini a respecto das vítimas da represión en Boimorto.
O premio “Día da Galiza Mártir”, que botou a andar o 2006 con motivo da
declaración institucional da Xunta do “Ano da Memoria”, pretende lembrar
aos lembran, homenaxear aos que homenaxean e, en definitiva, recoñecer as persoas e colectivos que contribuíron a que non se esquezan ás vítimas e
aos feitos que tiveron lugar. Recibiron este galardón Mariví Villaverde,
Teresa Alvajar, Dionisio Pereira, as mocidades do 36 (Díaz Pardo, Avelino
Pousa, Fernández del Riego e Xaime Illa Couto), Xusto G. Beramendi, e a
asociación “Sempre con Vós” de Pontevedra na persoa do seu presidente Xosé Álvarez. Todos eles, porque investigaron, simplemente sufriron a represión e viviron para contalo, porque difundiron a través das súas actividades ou publicacións, fixeron posíbel que hoxe saibamos máis sobre estes feitos que tratan de acochar conxuntamente coas vítimas que as sufriron.

O acto de recoñecemento e entrega levarase a cabo no xantar do propio día
da Galiza Mártir, o 17 de agosto, en Pontevedra, e todos aqueles que
estean interesados en participar poden facelo poñéndose en contacto coa Fundación Alexandre Bóveda para facer a reserva a través da seguinte
ligazón
Fundación Alexandre Bóveda