Skip to main content

Péchase o ciclo de conferencias Laxeiro e os renovadores da vangarda histórica galega

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, participou na clausura do ciclo de conferencias Laxeiro e os renovadores da vangarda histórica galega. Orixe, contexto e transcendencia, que durante os martes do mes de novembro afondou no proceso renovador da arte galega no século pasado.

O secretario xeral de cultura, Anxo Lorenzo, asistiu ao último destes relatorios, por cuxa organización felicitou á Fundación Laxeiro. Neste sentido, salientou a calidade do programa do ciclo e o conxunto de temas tratados, “que permite completar unha análise ampla do contexto da renovación dese grupo de artistas de primeira orde como Laxeiro, Seoane, Souto, Colmeiro ou Eiroa, entre moitos outros”, tal e como sinalou, “un gripo de artistas que mudaron a maneira de facer arte neste país”.

O ciclo desenvolveuse na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela durante os martes do mes de novembro e nel ofreceuse unha perspectiva transversal sobre este conxunto de pintores. Así, tal e como sinalou Lorenzo, foi posible “unha reflexión profunda baseada no contexto, nos condicionantes políticos e culturais dese tempo, e mesmo nas relacións cos movementos que se estaban a producir noutros puntos do mapa, máis aló dunha análise estritamente estética”.

O legado dos nosos movementos culturais

O secretario xeral de Cultura salientou a boa acollida deste ciclo e a importancia da “implicación colectiva en comprender o legado dos movementos culturais que marcaron a nosa historia social e cultural, neste caso, nos comezos do século XX, que foi ao mesmo tempo debedora de toda a creación artística anterior, aínda que fose para anovar sobre ela”.

Tras a intervención do secretario xeral, o director do ciclo, J.M. López Vázquez, pronunciou o relatorio A tradición negrista, de Goya a Os Renovadores, no que fixo un percorrido pola obra española nesta tendencia pictórica. O ciclo pecharase con Notas para unha pintura antropolóxica. O caso de Laxeiro, no que Xosé Antón Castro adondará nos rasgos característicos da obra deste autor.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia