A Asociación de Gaiteiros Galegos promove a I Xornada da Música Tradicional
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/xornadas_musica_tradicional.jpg)
O Centro Lugo2 acolle esta primeira edición do encontro, que o sábado 15 e o domingo 16 desenvolve un intenso programa de mañá e tarde arredor de nove relatorios e incluirá, asemade, dous concertos e varias presentacións de novas publicacións sobre música tradicional.
O conxunto das actividades está pensado non só para aquelas persoas que traballan neste ámbito, senón tamén para todos os interesados en afondar na cultura tradicional tanto galega como das comunidades e países convidados. O obxectivo é –segundo a organización– “amosar a riqueza cultural dunha maneira aberta e chea de contidos”, así como facilitar a participación activa dos asistentes nos diferentes debates e conferencias.
Inscricións
O prazo de inscrición manterase aberto ata o vindeiro xoves día 13 ou ata completar o aforo dispoñible, caso este último no que se aplicará como criterio de aceptación a orde de recepción de solicitudes. As inscricións poden realizarse a través do mail secretaria@gaiteirosgalegos.com ou do teléfono 986 84 70 74, onde se facilitará aos interesados os datos para formalizar a matrícula cun custo de 5 euros para os socios da Asociación de Gaiteiros Galegos e de 10 euros para o resto de asistentes.
O encontro dará comezo na mañá do sábado cun relatorio sobre ourivería popular galega a cargo de Francisco Rodríguez Fernández ‘Pancho’, ao que seguirá a presentación dos libros Vámola alboreando. Músicas de Teo da Asociación Cultural A Regionalista e Son do fol de Xaime Estévez, e a intervención de Xerardo F. Santomé arredor do proxecto Treboada Galega.
A sesión de tarde incluirá outras tres conferencias –A gaita asturiana: historia e usos tradicionais a cargo de Alfonso Fernández, A cornamusa no País Vasco por Juan Mari Beltrán e As gaitas de fol na Pontevedra de finais do século XIX por Pablo Carpintero–, para concluír co concerto Xirolarrua-Gaita de Bota no que Juan Mari Beltrán e Fernando Jalón interpretarán un variado repertorio tradicional para este instrumento tanto no País Vasco como na Rioxa.
A xornada do domingo ofrece catro novos relatorios: pola mañá, os representantes da Associação Gaita de Foles falarán sobre a gaita de fol en Portugal, Xavier Groba afondará na figura de Casto Sampedro e a música do cancioneiro galego de tradición oral e Alberto Jambrina e Pablo Madrid realizarán un percorrido polas diferentes escalas e repertorio para gaita na provincia de Zamora. A partir das 16.00 horas, Paulo González encargarase de abordar algunhas das principais cuestión técnicas e históricas que afectan ao gaiteiro moderno.
Esta última xornada, que rematará cun relatorio-concerto protagonizado pola Asociación Berros do Castro, acollerá así mesmo as presentacións doutras catro publicacións: A requinta adobada de Alexandre Cadarso ‘Cano’, Para cantar veño eu! Unha viaxe pola cultura musical galega da man dos Chichisos de Rafael Quintía, O cancioneiro de Cabana de Bergantiño de Olga Kirk e Pablo Díaz e Caderno 20:24. Estudos tonais para gaita de fol de David Bellas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia