Skip to main content

A Lei de Galeguidade reorienta e reforza os centros galegos no exterior

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, destacou, logo de que o Goberno galego dese o visto e prace no Consello ao anteproxecto da nova Lei de Galeguidade, que a norma, nacida do consenso, actualiza e regula a participación das novas entidades que xurdiron nestes últimos trinta anos, incorporando as novas xeracións de emigrantes, fomentando a participación da xuventude e das mulleres; incentiva a unión e a cooperación e reforza a orientación económica dos centros galegos para que poidan servir de plataforma económica aos intereses das exportacións galegas.

Nun primeiro termo, Feijóo precisou que a nova lei nace coa emigración, “porque foi debatida e respaldada practicamente pola totalidade dos centros e casas de Galicia no exterior”; e para a emigración, “para que supere un texto lexislativo de fai tres décadas e para que non só se sintan parte fundamental da Galicia do pasado senón, tamén, parte importante da Galicia do presente e vaiamos preparando o seu rol na Galicia do futuro”.

O titular da Xunta explicou que o texto pretende actualizar e regular a participación das novas entidades que foron xurdindo nestes últimos 30 anos, con tres fins: “Cada vez máis recoñecer a participación da xuventude nos centros galegos; recuperar o papel da muller na dirección dos centros galegos; e introducir as novas tecnoloxías para que calquera galego teña unha relación estreita con Galicia en tempo real”.

Así mesmo, subliñou que a nova norma aposta polos procesos de unión, polo procesos de fusión e de cooperación das casas de Galicia e dos centros galegos no exterior. “Pensamos que o camiño para a supervivencia dos centros galegos pasa pola cooperación, pola fusión e pola unión de moitos deles en moitos países de Europa e de América”, dixo, logo de remarcar o obxectivo de reforzar a orientación económica das entidades, “xa que hai centros que poden servir de plataformas comerciais e de plataformas empresariais para as empresas galegas que queiran exportar aos países onde se ubican”.

Por último, Feijóo afirmou que a lei preserva o patrimonio material e inmaterial que posúen as entidades galegas da emigración; “en definitiva, é unha lei que nace da emigración, co consenso da emigración; e para a emigración, non só para a emigración do pasado senón para a emigración do futuro, para trasladar o papel da emigración ao presente e ao futuro da comunidade”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia