Skip to main content

17 espectáculos, finalistas dos XVII Premios María Casares de Teatro

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) vén de facer público os nomes dos finalistas aos XVII Premios María Casares, a gran festa da escena galega que se celebrará o 27 de marzo, coincidindo co Día Mundial do Teatro, na Coruña. Os finalistas déronse a coñecer na VI Festa dos Nomeados, evento que tivo lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns (Ames). Máis de 150 profesionais do sector acudiron ao acto, que foi conducido pola actriz Isabel Risco.

En total, 17 espectáculos conseguiron finalmente algún nomeamento nas trece categorías coa que contan os galardóns. Durante o prazo de inscrición aos María Casares, 28 espectáculos e 239 profesionais do sector presentaron as súas candidaturas aos trece apartados dos premios: mellor maquillaxe, mellor vestiario, mellor iluminación, mellor música orixinal, mellor adaptación-tradución, mellor texto orixinal, mellor escenografía, mellor actriz secundaria, mellor actor secundario, mellor actriz protagonista, mellor actor protagonista, mellor dirección e mellor espectáculo.

Viaxe a ningunha parte, de Sarabela Teatro, converteuse na montaxe con maior número de finalistas, ao obter un total de 10 nomeamentos, incluíndo ao mellor espectáculo e á dirección. Tokio 3, de Voadora, aspira a 9 galardóns, entre eles tamén o de dirección e espectáculo. O metodo Grönholm, de Talía Teatro, é a terceira produción con maior número de finalistas, ao optar ao premio en 5 categorías. Pola súa banda, o musical Galicia Caníbal, de Filmanova Invest SA, podería acadar até 3 xerras dos María Casares.

As obras Currículum Vitae, de Redrum Teatro; Decamerón. Historias para tempos ruíns, de Abrapalabra Creacións Escénicas; A función do tequila, de Teatro do Morcego; Malos Hábitos, de Iolanda Muíños e Camila Bossa, e Pequenos actos pseudorrevolucionarios que non serven para cambiar o mundo, pero fan que quedemos máis tranquilos, de Ibuprofeno Teatro, lograron dous postos finalistas.

Cun nomeamento sitúanse os espectáculos O fantabuloso cine ambulante dos Irmáns Lumieira, dos Irmáns Lumieira; O profesional, do Centro Dramático Galego; ¡Lalelo!, de Lospregos; Snakizados. Comedia da fin do mundo, de Ancora Produccións; Románticos!, de Producións Teatráis Excéntricas; Kafka e a boneca viaxeira, de Eme2; Nuncabunga, de Elefante Elegante, e Desfeitos, de Teatro Galileo.

O acto foi conducido pola actriz Isabel Risco, quen trouxo até Ames o seu coñecido personaxe Nabiza Girl, e contou coa intervención de Toño Casais, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, quen se encargou de dar a benvida á Festa dos Nomeados. Casais, na súa comparecencia, destacou a calidade de todas as candidaturas presentadas aos María Casares.

Entre os asistentes, atopábanse os representantes de varias entidades colaboradoras dos premios. O alcalde de Ames, Santiago Amor; a primeira tenente de alcalde e concelleira de Cultura, Eugenia Martín; Ana Lago, de GADISA; ou Juan Carlos Fernández Fasero, director da Zona Noroeste da SGAE (Galicia, Asturias e Cantariabria), achegáronse até o Pazo da Peregrina de Bertamiráns e foron os encargados de entregar os diplomas acreditativos aos nomeados.

Finalmente, todos os asistentes puideron degustar uns petiscos ofrecidos por Casa Alongos, de Melide, (www.casaalongos.com) e catar os viños de Altares de Postmarcos e de Toalde.

A cerimonia dos XVII Premio María Casares celebrarase na noite do 27 de marzo, Día Mundial do Teatro, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña e será retransmitida pola TVG. Os galardóns do teatro galego, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), contan coa colaboración, entre outros, da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Concello da Coruña, a Fundación AIGSE, GADISA, a Fundación Autor-SGAE e do propio Concello de Ames.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia e os Premios María Casares

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) é unha entidade sen ánimo de lucro que agrupa na actualidade a 300 profesionais do audiovisual e das artes escénicas de Galicia. A súa misión é articular, desenvolver e promocionar o sector, en especial a través da elevación técnica e a mellora laboral dos seus profesionais, acorde coas máis modernas políticas culturais. O colectivo asume tamén o obxectivo de fomentar a demanda cultural e a captación de público.

Os Premios de Teatro María Casares, de periodicidade anual, foron creados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia no ano 1997 co obxectivo de servir de estímulo e recoñecemento ao labor desenvolvido pola profesión teatral galega, enchendo o oco baleiro até o momento existente neste eido.

Os galardóns constan de trece categorías ou apartados representativos do traballo realizado, tanto diante como detrás do pano, ademais do Premio de Honra Marisa Soto, que recoñece a traxectoria profesional. A Xunta Directiva da AAAG é a encargada de outorgar o citado galardón.

Aspiran aos Premios María Casares de Teatro todas as producións teatrais realizadas en lingua galega que foran estreadas en Galicia entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do ano anterior á súa concesión, así como todos os profesionais que participaron nas citadas montaxes, durante ese período de tempo.

O portal da Asociación é www.aaag.es

BREVE SINOPSE DOS ESPECTÁCULOS QUE LOGRARON NOMEACIÓNS

(Entre paréntese, o número de nomeados)

1. VIAXE A NINGUNHA PARTE (10): É unha excelente narración, contada co pulso firme de alguén avezado nestas lides, Fernando Fernán Gómez, na que se relata a historia duns cómicos da legua, que viven unha peripecia vital, pícara e singular. Ten como pano de fondo a España dura de hai décadas. A risa, o pranto, a tenrura, a dor, o amor e a morte, todos os sentimentos e as paixóns humanas van mesturándose nesta odisea na que tan só ao final descubrirá o protagonista o seu destino e o sentido da súa viaxe a ningures.

Nomeados: Mellor maquillaxe, mellor vestiario, mellor iluminación, mellor adaptación-tradución, mellor escenografía, mellor actriz secundaria, mellor actor secundario por partida dobre (Josito Porto e Lino Braxe), mellor dirección e mellor espectáculo


2. Tokio3 (9): Segundo a propia compañía Voadora, a produción trata dun relato épico e intimista sobre o que agardamos na vida, sobre o que soñamos, sobre o paraíso e como encaixa todo isto nunha sociedade onde o inmediato, o constante e o material déixanlle pouco espazo ao espiritual/emocional. Trátase dunha fábula sobre o paraíso natural que anhelamos e sobre o mundo artificial que nos espera. A montaxe fala sobre soños e os pequenos espazos da vida cotiá, que se poden converter en paraísos, nun exercicio escénico no que se debuxan as razóns do amor e se perfilan os motivos da esperanza. Dante Alighieri, o emperador Justiniano, Beatriz (a guía no paraíso), Picarda Donatti, o Arlequín e San Bernardo protagonizan unha historia de amor que transita entre o máis puro realismo máxico e a crúa realidade da vida.

Nomeados: Mellor maquillaxe, mellor vestiario, mellor iluminación, mellor música orixinal, mellor escenografía, mellor actriz protagonista, mellor actor protagonista, mellor dirección e mellor espectáculo.


3. O método Grönholm (5): Talía Teatro adapta a obra de Jordi Garcelán nesta nova montaxe dirixida por Xúlio Lago. O método non deixa de ser un xogo, un xogo cruel e retorcido no que catro candidatos a un mesmo posto de traballo aceptan competir nunha maravalla de verdades a medias, medias verdades e mentiras totais. Un xogo perverso, xa que as emocións e os sentimentos dos personaxes son manipulados e sacudidos sen pudor nin compaixón ningunha. Algo que resulta habitual e normal na sociedade na que nos movemos.

Nomeados: mellor iluminación, mellor adaptación-tradución, mellor escenografía, mellor actor protagonista e mellor dirección.

4. GALICIA CANÍBAL (3): Este musical, dirixido por Quico Cadaval a partir dunha idea orixinal de Antón Reixa, conta a historia de Ana, unha adolescente que, xunto ao seu irmán e aos seus pais, vive un momento de crise persoal. Grazas a un acontecemento extraordinario, Ana descobre a música dos oitenta e, con ela, a súa salvación e a da súa familia. Escrita en ton de humor, esta historia percorre os éxitos da movida viguesa.

Nomeados: Mellor maquillaxe, mellor vestiario e mellor actor secundario.

5. A FUNCIÓN DO TEQUILA (2): Teatro do Morcego adapta o texto de Manuel Guede galardoado co Premio Rafael Dieste 2011. A obra está baseada nun feito real, que conta a historia de María Docampo, secretaria de Castelao en Nova York, en 1938, cando este se encontra recadando apoios para a causa republicana. Non obstante, esta muller resulta ser unha espía destinada a investigar o intelectual galeguista.

Nomeados: Mellor actriz secundaria e mellor actor protagonista.


6. CURRICULUM VITAE (2): Dirixida por Álex Sampayo e coa escrita de autores como Diego Ameixeiras, Manolo Cortes, Avelino González ou Araceli Gonda, entre outros, Curriculum Vitae é unha comedia que xira ao redor das entrevistas de traballo. A montaxe pretende que o espectador se vexa reflectido nunha serie de situacións que se producen nas -cada vez máis escasas- entrevistas de traballo.

Nomeados: Mellor texto orixinal e mellor música orixinal.


7. DECAMERÓN. HISTORIAS PARA TEMPOS RUÍNS (2): Cándido Pazó adapta o clásico de Boccaccio nunha versión oral-teatral. O Decamerón é un libro de contos do século XIV no que o italiano conta como un grupo de mozos florentinos foxen da peste bubónica e acaban por se refuxiar nunha quinta campestre. Alí, os rapaces, para matar o tempo, comezan a relatar diversas historias que Pazó narra e encarna, de forma parcial, nunha montaxe a medio camiño entre a narración oral e o espectáculo teatral.

Nomeados: Mellor iluminación e mellor adaptación-tradución.


8. MALOS HÁBITOS (2): Camila Bossa e Iolanda Muíños interpretan nesta obra dúas monxas de clausura surrealistas e inocentes que saen do convento para lle explicar ao público como é a súa vida e o que fan. O espectáculo válese da retranca para criticar moitos aspectos da relixión que lle foron impostos á xente ao longo da súa vida.

Nomeadas: Dúas finalistas á Mellor actriz protagonista (Iolanda Muíños e Camila Bossa)


9. PEQUENOS ACTOS PSEUDORREVOLUCIONARIOS (2): Un espectáculo cómico-político-absurdo baseado nuns textos escritos a partir dun proceso de investigación e creación colectiva. A historia desenvólvese grazas a dous personaxes que deciden emprender accións de protesta de xeito privado e individual para manifestar o seu desacordo coas institucións políticas e privadas. É unha obra interpretada por Marián Bañobre e Santiago Cortegoso.

Nomeado: Mellor texto orixinal e mellor actriz protagonista.


10. O PROFESIONAL (1): O Centro Dramático Galego (CDG), da man de Manuel Guede, adapta esta obra de Dusan Kovacevic. A historia está ambientada en Belgrado, dez anos despois da morte de Tito. A acción desenvólvese cando Teodor Teja Kraj, un escritor e antigo disidente político, recibe a visita de Luka Laban, ex policía que durante décadas lle seguiu os pasos. Nesta versión, Ernesto Chao e Miguel Pernas dan vida aos dous protagonistas e actúan xunto a Rodrigo Roel e Rebeca Montero.

Nomeada: Mellor actriz secundaria.
11. O FANTABULOSO CINE AMBULANTE DOS IRMÁNS LUMIEIRA (1): Carlos Meixide, Tomás Lijó e Suso Alonso dan vida aos Irmáns Lumieira, fillos do señor Lumieira, un dos discípulos dos Lumière, pais do cinema. Os tres irmáns volven a Galicia, deixando atrás Francia, para traer ao noso país un fabuloso invento: o cine. Atopámonos diante dun espectáculo que sabe a tempos idos e que, cunha especial retranca, retrata os primeiros pasos da sétima arte. A montaxe mestura a actuación teatral coa proxección de cine mudo.

Nomeado: Mellor música orixinal.


12. SNAKIZADOS. COMEDIA DA FIN DO MUNDO (1): O espectáculo resulta ser unha análise do día despois da fin do mundo. Trala hecatombe, non queda nada. Simplemente anacos e, en medio da destrución, xorde un novo ser. Unha criatura da que descoñecemos a súa natureza e a súa esencia múltiple. A obra foi creada por Gustavo Pernas Cora, quen tamén interpreta a todos os personaxes, un total de quince, que converxen nesa única criatura nova. Con esta peza, dirixida por Ánxela G. Abalo, remata a triloxía que se iniciou con Colgados e continuou con Pisados.

Nomeado: Mellor texto orixinal.


13. ROMÁNTICOS! (1). No novo espectáculo de Producións Teatráis Excéntricas revísanse os tópicos do movemento do romanticismo do século XIX. Os actores Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira -acompañados por Quico Cadaval e Piti Sanz- reinterpretan os trazos característicos desta sensibilidade decimonónica, representan de forma humorística diversas obras do romanticismo e dan vida aos seus autores máis destacados. Deste xeito, a montaxe presenta unha perspectiva singular sobre o que significa ser un auténtico romántico.

Nomeado: Mellor actor protagonista.

14. ¡LALELO! (1): A montaxe é a unión de dúas disciplinas. Por unha banda, os monólogos de Carlos Blanco; pola outra, a música de Budiño DJ. Os dous artistas mesturan os seus talentos nunha aposta arriscada, na que os monólogos de Carlos Blanco atopan acubillo e transfórmanse en hip-hop hipnótico nas bases de Budiño. Humor intelixente e calidade musical en directo dánse a man nun espectáculo de poemas imposibles, monólogos delirantes e de redeiras cibernéticas.

Nomeado: Mellor texto orixinal.


15. NUNCABUNGA (1): Elefante Elegante crea un espectáculo cómico e poético sen palabras destinado ao público familiar e infantil a partir dos tres anos. A acción desenvólvese nun espazo que evoca a proximidade co mar. Alí vive unha persoa que, nun recuncho, construíu o seu fogar. Un día de treboada aparece un estraño entalado nunhas redes, coma un refugallo máis, daqueles que o mar bota fóra. Non ten casa nin comida mais está decidido a quedar naquel lugar. Serán capaces de chegar a un acordo?

Nomeado: Mellor espectáculo

16. KAFKA E A BONACA VIAXEIRA (1): Dirixida por Cristina Domínguez e Fernando Bernués, a montaxe de Eme2 é a adaptación teatral dunha novela de Sierra i Fabra. Está baseada nun feito real: un sorprendente encontro entre Kafka, xa adulto, e Elsie, unha nena de tan só cinco anos. O espectáculo fala da habilidade reparadora da ficción, de como a capacidade de fabular e imaxinar é o alimento da alma humana. Kafka, ao longo de tres semanas e vinte cartas, consegue que a nena non só deixara de chorar por perder a súa boneca, senón tamén que a cativa comprenda mellor o mundo e a vida que a rodea. Elsie, a nena, devólvelle a confianza na ficción a un Kafka ás portas da morte.

Nomeado: Mellor actor protagonista.

17. DESFEITOS (1): Teatro Galileo preséntanos unha comedia urbana, escrita pola autora arxentina Febe Chaves, dirixida por Pedro Rubín e protagonizada por Fernando Morán, Ana Santos e Tanas. A acción sitúase nun baño público de homes, no que conflúen tres individuos, dous varóns e unha muller. Os tres comezan unha singular amizade nese espazo, aínda que todos teñen unha historia oculta por desvelar.

Nomeada: Mellor actriz protagonista.
Alberto Ramos (Comunicación Premios María Casares)