Skip to main content

A carteira de clientes que queren bancos galeguizados ascende xa a dez millóns de euros

O Presidente da Mesa, Carlos Callón, xunto coa dirixente da Mesa Susana Romero presentaron no local desta organización a nova fase da campaña O galego, sempre en conta, que persegue a introdución do noso idioma no sector bancario.
Os representantes da Mesa pola Normalización Lingüística mostráronse optimistas ante a resposta que están a obter con esta campaña, pois as nóminas das persoas que están dispostas a domiciliar os seus ingresos mensais nunha entidade galeguizada chegan xa aos dez millóns de euros.
Carlos Callón estimou que esta cantidade se verá notabelmente incrementada nas próximas semanas, posto que non se celebraron aínda todas as reunións comarcais de presentación da campaña e, alí onde se celebraron, estanse a acumular apoios que aínda non foron
contabilizados. Imos poder negociar a introdución do galego através de grandes cantidades de diñeiro, e iso é unha grande noticia, afirmou.
Susana Romero presentou unha unidade didáctica destinada a ESO e Bacharelato que A Mesa disponibilizará desde a súa páxina web e que enviará aos centros de ensino que son socios colaboradores desta entidade.
Nesta unidade didáctica trabállase o léxico bancario e, moi especialmente, a dimensión sociolingüística deste sector. Unha das actividades que se propoñen para traballar cos estudantes é a realización dun inquérito nas sucursais, para evidenciar a situación deficiente a nivel lingüístico que existe neste sector.
A Mesa pola Normalización Lingüística