Skip to main content

puntoGAL remitirá ao ICANN a avaliación inicial para o dominio do galego en Internet

A Asociación puntoGAL, quen presentou a candidatura en nome da comunidade lingüística e cultural galega, estima que antes de que remate o verán coñecerase o resultado da avaliación inicial ao dominio.



A ICANN acaba de publicar a lista final de candidatos a novos dominios sobre os que pende algunha queixa formal por parte da ICANN, outras candidaturas ou membros da comunidade da Internet. Grazas ao apoio de toda a sociedade galega a candidatura, o .gal non figura nesa lista.

puntoGAL tampouco está na lista, publicada hai uns días, de candidaturas sobre as que os gobernos que participan na ICANN expresan dúbidas. Neste sentido, o .gal logrou o respaldo das administracións locais, autonómicas e estatais.

Moderadamente optimista sobre o veredicto inicial

Ademais, ningún outro candidato solicitou as letras "gal" para o seu dominio e non hai ningunha outra candidatura para a lingua e cultura galegas.



Con todo estes datos sobre a mesa, a Asociación puntoGAL é moderadamente optimista sobre o veredicto inicial que emitirá a ICANN sobre a candidatura para a lingua e cultura galegas.

Prazos



Cando ICANN publicará a avaliación inicial do puntoGAL? De acordo aos prazos anunciados polo organismo internacional, o resultado preliminar debe ser publicado nos próximos meses, en todo caso antes de que remate o verán.

Este prazo cómpre ser tomado con prudencia, pois ICANN incumpriu os seus calendarios en ocasións anteriores, aínda que nesta oportunidade todo indica que se cumprirá o anunciado.

De feito, xa comezou a publicar os resultados iniciais dalgunhas candidaturas. A orde pola que se publican eses resultados iniciais está determinada polo resultado dun sorteo previo, no que .gal obtivo o posto 742 das 1.917 candidaturas.



De superar a avaliación inicial que proximamente publicará ICANN, a Asociación comezaría os traballos para que o dominio estea dispoñíbel na Rede cara final do presente ano.

Apoios e agradecementos


O .gal está respaldado por máis de 13.700 persoas e 110 institucións de todo o país; entre elas figuran os organismos máis relevantas da cultura galega (Real Academia, Consello da Cultura. etc.), as tres universidades, ducias de asociacións culturais de base, vinte asociacións de emigrantes baseadas en Europa e América, empresas tecnolóxicas, medios de comunicación, etc.

puntoGAL conta ademais co importante apoio da Axencia para a Modernización Tencolóxica de Galicia (AMTEGA) da Xunta de Galicia, goberno que colaborou coa candidatura continuamente dende o seu nacemento. A Asociación puntoGAL quere agradecer, unha vez máis, o apoio de todos os particulares, empresas e institucións que apostan polo dominio para a lingua e cultura galegas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia