Skip to main content

A Mesa critica o convenio asinado entre a directora de RTVE e o presidente da Xunta

RTVE e a Xunta de Galiza renovaron un acordo de colaboración que contradí abertamente as medidas do Plano Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL) aprobado por unanimidade no Parlamento Galego o pasado mes de setembro. Así, a medida 7.3.1.10 do PXNL di con rotundidade: As emisións de TVE dirixidas a emigrantes galegos faranse en galego, con subtítulos en castelán, de se considerar necesario. A propia Mesa pola Normalización Lingüística dirixiuse hai tempo ao Director Xeral de Política Lingüística, á Directora Xeral de TVE e ao Director do Centro Territorial en Galiza para lles solicitar que na renovación do convenio ese punto non fose esquecido. Trátase, pois, dunha vulneración plenamente consciente dun acordo parlamentar, tanto por parte do Goberno galego como por parte da dirección de TVE.
Nada se dixo tampouco hoxe pola mañá destoutras medidas do PXNL presentado polo Goberno e aprobado por PP, BNG e PSOE:
7.3.1.8 Negociación coa TVE para que aumente o tempo de emisión en lingua galega na desconexión territorial, nunha proporción que sexa respectuosa coa maioría de galegofalantes habituais.
7.3.1.9 Recuperar Radio 4 como emisora de RNE que emita integramente en galego.
O Presidente da Mesa, Carlos Callón, lamenta que o goberno do PSOE manteña nos medios públicos estatais un tratamento discriminatorio co noso idioma e que demostre, máis unha vez, que teñen moito talante co catalán e moi pouco talante co galego. En Cataluña emítese a desconexión territorial de TVE integramente en catalán, mais en Galiza isto non é así, debido ao programa Desde Galicia para el mundo, o cal, ademais, debemos pagar con cargo aos orzamentos autonómicos. Pola súa parte, Callón valora a actuación do Presidente da Xunta como deixadez de funcións e agravio ao Parlamento Galego, por renovar o acordo con RTVE sen tomar en conta as cláusulas que deberían ser modificadas tras o consenso entre os tres grupos parlamentares.
Debemos lembrar que, segundo a Lei de Normalización Lingüística, aprobada tamén por unanimidade no Parlamento Galego en 1983, a nosa lingua na Galiza do presente serve de vínculo esencial entre os galegos afincados na terra nativa e os galegos emigrados polo mundo. Esta afirmación contradise co feito de que se pague con fondos públicos un programa de televisión que supostamente serve para afortalar esta unión, mais que, cara a fóra, camufla o noso principal sinal identitario e que, cara a dentro, diminúe o xa reducido tempo de emisión en galego nesta cadea pública.
A Mesa pola Normalización Lingüística