Máis de 41.000 persoas colaboran nas ONG de desenvolvemento galegas
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/galiciasolidaria.jpg)
Nas ONGD tamén traballan persoas que manteñen un vínculo laboral coa organización. Son profesionais con formación universitaria cualificada que participan na xestión e seguimento de proxectos tanto en Galicia como nos países onde se desenvolven iniciativas de cooperación internacional e de acción humanitaria. Hoxe, as ONGD teñen contratadas 82 persoas en Galicia e 9 no estranxeiro. Estas cifras son menores cás de 2010, momento no que había 107 contratos en Galicia e o número de persoas inscritas no Rexistro de Cooperantes de Galicia superaba a centena.
Das 82 persoas que traballan en Galicia, unha gran maioría son mulleres (61) pero tamén son elas as que teñen unha situación laboral máis fráxil: unha maior porcentaxe de contratos temporais e a tempo parcial cós homes. Por este motivo, a Comisión de Xénero da Coordinadora ten previsto poñer en marcha nos próximos meses un plan para reducir a fenda de xénero no interno das organizacións. Nos últimos anos, avanzouse moito nestes aspectos e, por exemplo, a participación de mulleres nos equipos directivos creceu de forma clara. Aínda así, hoxe hai máis homes que mulleres nos postos de presidencia (26 fronte a 20, respectivamente) malia que elas teñen máis presenza nas organizacións.
Outro elemento fundamental que permite o traballo das ONGD son as contrapartes: as organizacións sociais nos países do Sur. Estas organizacións son as que coñecen a realidade local, as necesidades e as formas axeitadas para traballar en cada comunidade. A maioría tamén son organizacións formadas por persoal contratado, voluntariado e base social. E son o motor indispensable para a transformación da realidade. En Galicia, as ONGD traballan con máis de 40 contrapartes de América Latina e África.
Coordinadora Galega de ONG para o desenvolvemento