Skip to main content

O Colexio de Xornalistas de Galicia, o Club de Prensa de Ferrol e Caixanova convocan o Premio José Couso de Liberdade de Prensa

[FOTO1]A Sede de Caixanova en Vigo acolleu a presentación do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, unha iniciativa desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, que conta co apoio económico de Caixanova. O obxectivo do galardón é recoñecer e difundir o traballo dunha persoa ou institución destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional,
libre e independente.
O acto incluiu a sinatura do convenio de colaboración entre as tres entidades, vixente nunha primeira fase ata o ano 2008, que garantirá a continuidade da iniciativa. O documento foi asinado polo decano do CPXG, Xosé Manuel Vega Gómez; a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xúlia Díaz Sixto; e o director da Obra Social de Caixanova, Guillermo Brea Vila.
Na súa intervención, Xosé Manuel Vega expresou o seu agradecemento a Caixanova polo compromiso coa defensa da liberdade de expresión que simboliza o premio. Engadiu que a concesión do mesmo debe servir á vez para rendirlles tributo ás persoas que como Xosé Couso perderon a vida no exercicio da súa profesión de xornalista, e que lles recorde ós gobernantes de tódolos países democráticos que o dereito á información é unha conquista histórica da humanidade que non pode ser cercenada en ningunha situación e baixo ningún pretexto. Vega dixo que o premio é unha mostra de solidariedade coa súa familia, que tan desamparada se sentiu.
O decano do CPXG verbalizou o seu desexo de que tódolos xornalistas galegos participen na elección do premiado e que este sexa realmente un símbolo da defensa da liberdade de expresión por toda unha traxectoria. A presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xúlia Díaz, sinalou que é un día importante para toda a profesión xornalística ó materializarse unha arela que mantiñamos dende a fundación da entidade. A morte de José Couso
non é unha máis, enfatizou, ó crearse unha sensación de impunidade e de orfandade pola morte do compañeiro. Este premio responde o clamor social xerado tralos acontecementos de abril de 2003
.
Pola súa banda, Guillermo Brea, director da Obra Social de Caixanova, lembrou a existencia dos outros dous premios de xornalismo da entidade, o Julio Camba e o Francisco Fernández del Riego, e salientou a aposta de Caixanova pola iniciativa.
Na presentación do certame ante os medios participou igualmente o autor da escultura que recibirá cada ano o premiado, o artista Manuel Patinha, que explicou a simboloxía da peza, denominada Ás Ceibes. O escultor agradeceu a confianza depositada nel para facer esta obra arredor da liberdade de prensa, unha figura de aspecto feminino coronada coas ás da liberdade.Igualmente, apoiou a iniciativa o irmá de José Couso, Javier, quen quixo
estar presente no acto.
A importancia do premio radica en que será a profesión xornalística galega a que propoña e elixa en votación ó galardoado de cada edición. Igualmente, os organizadores queren personalizar na figura de José Couso a súa homenaxe a todos aqueles xornalistas, galegos ou non, que cada ano son asasinados, maltratados ou privados dos seus dereitos como persoas e como informadores.
O prazo de presentación de candidaturas quedou aberto, logo da formalización do acordo, e ata o día 28 de febreiro. Posteriormente, realizarase a votación a través de correo postal ou de internet entre os colexiados do CPXG e os socios do Club de Prensa, que suman xuntos preto de 1.200 xornalistas.
O nome do gañador darase a coñecer nunha rolda de prensa en Ferrol o Día Mundial da Liberdade de Prensa, o 3 de maio de 2005. Posteriormente, farase a entrega do premio -a mencionada escultura e o diploma acreditativo- nun acto solemne que incluirá unha conferencia do premiado e unha cea na cidade departamental.
Neste primeiro ano do galardón, os organizadores colocarán no marco dun acto institucional a escultura creada por Manuel Patinha nunha praza de Ferrol, cunha placa conmemorativa que lembrará permanentemente a necesidade e a importancia da liberdade de prensa. A escultura, feita en bronce, terá unha altura superior ós tres metros.
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia