Skip to main content

É preciso redefinir o papel dos medios de comunicación públicos sen desmantelar os seus beneficios sociais

É preciso redefinir o papel dos medios de comunicación públicos sen desmantelar os seus beneficios sociais en canto ó dereito á información, a promoción da lingua e da cultura galegas e ó acceso de tódolos cidadáns ás novas tecnoloxías segundo se puxo de manisfesto na xornada de Propostas e Debate dun Novo Modelo de Medios Públicos Galegos, organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG).
Os medios de radiotelevisión públicos son os únicos que poden garantir o dereito dos cidadáns a unha información plural e libre e isto é especialmente importante para que os cidadáns conten cun medio de referencia nun momento no que se están multiplicando as canles de difusión. Esta foi unha das ideas resaltadas na sesión celebrada na Facultade de Ciencias da Comunicación en Santiago.
Segundo espuxo José Antonio Portero Molina, catedrático de Dereito Constitucional da Universidade da Coruña – un dos oito relatores convocados polo CPXG para a elaboración das propostas - é preciso crear os mecanismos de contención que impidan o exceso de dependencia da CRTVG do poder político. Actualmente hai unha premeditada ocultación dos asuntos de interese social. Entendese a política como a xestión cotiá dos gobernos, non como o que debe ser, un espazo de opinións públicas e debate, a partir do que os cidadáns poidan conformar as súas opinións e exercer a súa liberdade soberana. Deste xeito a CRTVG incumpre cun dos piares fundamentais que xustifican a súa existencia como servizo público.
A redefinición dos principios de servizo público é tamén fundamental para poder valorar a necesidade e a eficiencia dos recursos públicos presupostados para estes medios. Segundo se puxo de manifesto nas intervencións dos entes públicos españois, o finanzamento público non está tan lonxe dos estandares medios doutros paises europeos, pero a indifinición dos principios de servizo público fai que non se poida valorar a rendabilidade social o que fai que se prime a rendabilidade económica e os índices de audiencia.
Desde o punto de vista dos contidos, resaltouse a necesidade de atender ó conxunto da sociedade. Denunciouse en concreto a desatención da poboación xuvenil na programación da CRTVG. Os lingüistas resaltaron a transcendencia desta desatención tendo en conta que é a banda de idade na que se opta pola lingua de instalación.
En canto os retos tecnolóxicos optouse por ver ós novos medios e á multiplicación de canles como unha oportunidade a aproveitar para a divulgación da lingua e a cultura galega. O verdadeiro reto ten que ser a produción de contidos autóctonos capaces de interesar nun mercado global. Neste sentido valorouse o labor da CRTVG como promotora do sector audiovisual galego, pero demandouse unha intervención máis decidida da administración para o fomento dunha industria audiovisual galega capaz de defender os nosos valores.
Na sesión da tarde, o Presidente do Consell do Audiovisual de Catalunya (CAC), Francesc Codina, falou da creación e das funcións deste órgano de control dos medios públicos que existe xa nos 25 paises da Unión Europea, agás en España, onde só se creou ata o de agora o CAC e o Consello Audiovisual de Navarra, de recente constitución.
A xornada clausurouse cunha conferencia de Enrique Nicanor, experto da Unión Europea en Contidos e TV pública, sobre o valor do servizo público na produción audiovisual.
A partir do exposto nesta xornada, o CPXG elaborará unha proposta e remitiralla ós partidos con representación no Parlamento galego para que sirva de base para a necesaria reforma do modelo dos medios de comunicación públicos de Galicia.

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia