Skip to main content

O Colexio de Xornalistas de Galicia, o Club de Prensa de Ferrol e Caixanova presentan o Premio José Couso de Liberdade de Prensa

A Sala Sargadelos acolleu a presentación do Premio José Couso de Liberdade de Prensa en Ferrol, unha iniciativa desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, que conta co apoio económico de Caixanova. O obxectivo do galardón é recoñecer e difundir o traballo dunha persoa ou institución destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.
En representación de Caixanova, contouse coa presenza de Luis Vela, director comercial da entidade na Coruña e Lugo, quen subliñou a honra que supón para a entidade, participar neste proxecto que homenaxea a José Couso e a Liberdade de Prensa.
Xosé Manuel Vega, decano do CPXG, agradeceu a implicación de Caixanova nun proxecto que xa adiantara a anterior Xunta de Goberno e que rende homenaxe a José Couso, quen perdeu a súa vida transmitindo á cidadanía información veraz. Está tamén adicado ós profesionais da información que moitas veces se arriscan por contar o que acontece. Salientou tamén que o dereito á informacion está na base de moitos dereitos. Fixo un chamamento á parte máis activa da sociedade para que insista en reclamar o seu dereito á estar informados en todo momento e circunstancias.
O presidente do Club de Prensa de Ferrol, Xan Morales, explicou o mecanismo e funcionamento do premio e o seu novidoso sistema de votación no que os colexiados do CPXG e os asociados do Club de Prensa, son o xurado. Engadiu que para todo o xornalismo galego é unha honra presentar este premio e adicalo á liberdade de prensa.
O prazo de presentación de candidaturas é ata o día 28 de febreiro e posteriormente, realizarase a votación a través de correo postal ou de internet entre os colexiados do CPXG e os socios do Club de Prensa, que suman xuntos preto de 1.200 xornalistas.
O nome do gañador darase a coñecer nunha rolda de prensa en Ferrol o Día Mundial da Liberdade de Prensa, o 3 de maio de 2005. Posteriormente, farase a entrega do premio
–a mencionada escultura e o diploma acreditativo- nun acto solemne que incluirá unha conferencia do premiado e unha cea na cidade departamental.
Neste primeiro ano do galardón, os organizadores colocarán no marco dun acto institucional, a escultura creada por Manuel Patinha, no Cantón de Molins de Ferrol, cunha placa conmemorativa que lembrará permanentemente a necesidade e a importancia da liberdade de prensa. A escultura, feita en bronce, terá unha altura superior ós tres metros.
Páxina web do premio:http://www.xornalistas.com/couso

 
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia