Skip to main content

A actitude mostrada polos dous Conselleiros comparecentes na Comisión do Prestige mantén a estratexia de engano e ocultación da Xunta de Galicia en relación á marea negra

A ocultación de información e os seus intentos de enredo e evitar contestar un si ou non ás preguntas concisas formuladas polo PSOE e BNG non fan máis que ratificar que a Xunta de Galiza actuou de xeito irresponsable dentro das súas competencias. Tiveron a oportunidade de argumentar e explicar o seu papel e decidiron calar en mais do 95% das preguntas feitas.
ADEGA despois de escoitar ó Conselleiro de Pesca quedou coa impresión de que o Prestige ata puido ser beneficioso para os ecosistemas mariños e que en comparación co do Mar Exeo e o do Urquiola esto non foi nada para os recursos naturais. Indicou que as estatísticas indican unha situación de normalidade pero non se parou a explicar coma é posible que os informes técnicos dos gobernos Asturiano, Cántabro e Vasco indiquen importantes perdidas para o 2004 con relación as capturas pesqueiras, aparentemente menos afectadas que a costa galega. Xustificou que a decisión de afastar o barco foi a máis acertada e que así quedou tamén demostrado nas simulacións recollidas no libro A Forza dos Feitos. Segundo investigadores da Universidade de Vigo estás simulacións están amañadas e feitas ao gusto do Conselleiro. Eso si, non lle importou que se dixera que está publicación carecía do mínimo rigor científico e que dende a Unión Europea xa existía un pronunciamento en contra do afastamentos de buques en situacións semellantes ao Prestige. Dixo que habería que agardar varios anos para comprobar a existencia de posibles danos ambientais para a continuación dicir que a situación era de
normalidade e mellor que a do Mar Exeo.
O Conselleiro de Medio Ambiente demostrou sentirse acorralado pola batería de preguntas presentadas polo BNG e PSOE e tentou perder torpe e descaradamente o máximo tempo posible nos seus turnos. Na súa intervención debuxou incluso un escenario resultante mellor que o anterior o Prestige e no que a poboación para as especies de aves do litoral galego amosou mellores resultados no 2004. Limitouse a
contestar seis preguntas das case 100 formuladas. Falou detidamente de coma se limpaban as aves petroleadas e de onde están os centros de recuperación, cantas balsas de fuel había e da súa capacidade, e da responsabilidade do goberno central en financiar o tratamento dos residuos, e da situación de recuperación do Parque Nacional e a do
Parque Natural de Corrubedo. Sobre a situación dos 22 espacios da Rede Natura 2000 afectados, da súa recuperación e dos estudios de impacto ocasionado sobre os mesmos, da situación da flora ameazada afectada, dos hábitats protexidos pola Directiva de Hábitats, da fauna mariña danada, da toxicidade do fuel, da falta de coordinación da Consellería de Medio Ambiente ao fronte das tarefas de descontaminación, das órdenes a gardería forestal para non acercarse ás zonas afectadas pola marea negra, ou o deixar en mans de personaxes vencellados a altos cargos da Consellería e sen cualificación técnica as tarefas de cosntrucción das barreiras anticontaminación en Corrubedo, foron
sinxelamente moitas das cuestións que evitou contestar. O Conselleiro deu mostras ao longo da intervención de descoñecer profundamente moitas das cuestións que se lle formularon e entre outras todo o relacionado coa Rede Natura e os seus principais valores do litoral galego.
ADEGA recorda que en varios puntos do litoral galego continúan detectándose importantes focos de contaminación por chapapote, casos da costa de Carnota Fisterra Muxía e Camariñas, e que cada vez son máis os informes científicos que constatan os efectos daniños do Prestige sobre numerosas especies ao longo do litoral galego e
Cantábrico.
Martiño Nercellas Méndez (Adega)