Skip to main content

ADEGA considera un feito histórico a entrada en vigor do Protocolo de Quioto

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) considera un feito histórico para a defensa do medio ambiente no noso país e a nivel internacional a entrada en vigor do Protocolo de Quioto. Malia as súas insuficiencias e buracos, este Protocolo é un primeiro paso significativo na loita contra o temíbel cambio climático global. Galiza é un dos países europeos con maiores emisións por habitante de gases causantes do cambio climático, por causa das obsoletas centrais térmicas de carbón das Pontes (ENDESA) e de Meirama (UNIÓN FENOSA).
A nosa terra tamén é responsábel e vítima do cambio climático global. En 2001, as emisións por habitante de gases causantes do cambio climático no noso país foron de 12,8 toneladas, fronte ás 9,7 da media estatal e ás 10,9 da UE anterior á última ampliación. Como conclúe o informe científico presentado onte pola ministra de medio ambiente, de non se reduciren as emisións, Galiza e o conxunto da Península Ibérica serían gravemente afectadas polo cambio climático global.
Só intereses económicos sectoriais e de curto prazo e a ignorancia das fundamentadas advertencias da comunidade científica poden levar a menosprezar a importancia do problema do cambio climático e a necesidade de aplicar o Protocolo de Quioto. Alén de un instrumento contra o cambio climático, o Protocolo de Quioto é unha oportunidade
para promover un desenvolvemento ecoloxicamente sustentábel.
A xuízo de ADEGA, cómpre que a Xunta e os Concellos galegos comezen a tomarse realmente en serio o problema do cambio climático, o que debería implicar cambios importantes en políticas como a enerxética ou a de transporte e construción de infraestruturas.

Mesa redonda sobre a aplicación do Protocolo de Quioto en Galiza

Con motivo da entrada en vigor do Protocolo de Quioto, ADEGA organizou unha mesa redonda sobre a aplicación do Protocolo de Quioto en Galiza, que terá lugar na sede da Fundación Caixa Galicia en Santiago (Rúa do Vilar, 19) o próximo sábado 19 de febreiro, a partir das 10.30 h.Está confirmada a presenza na mesa de Fernando Blanco (Membro da Executiva da Federación de Químicas e Enerxía da Confederación Intersindical Galega), Dionisio Rodríguez (Subdirector Xeral do Centro de Desenvolvemento Sostíbel da Consellería de Medio Ambiente), Miguel Rodríguez (Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo), Ramón Varela (ADEGA) e Xosé Veiras (Federación Ecoloxista Galega). Tamén foron convidados o Ministerio de Medio Ambiente e o BNG, que excusaron a súa ausencia.
Xosé Veiras (Adega)