Skip to main content

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) celebra a súa asamblea xeral

1. Informe de xestión e finanzas do período comprendido entre marzo de 2004 e febreiro de 2005
2. Elección de nova Xunta Directiva
3. Calendario de actividades a realizar en 2005
4. Rogos e preguntas

Este 2004 estivo caracterizado por unha intensa actividade da entidade que se desenvolveu en diversos ámbitos. Ademais das convocatorias fixas anuais (tales coma a Homenaxe O Escritor na súa Terra, ou o Premio AELG”, celebrouse a I Edición dunha nova Homenaxe que terá continuidade na programación prevista para 2005: a Homenaxe Os Bos e Xenerosos,
destinada a estudiar e recoñecer a figura dun escritor ou colectivo que gracias a unha traxectoria de compromiso ético coa cultura galega, contribuíse á unha maior difusión da mesma dun modo significativo. A AELG foi, ademais, neste 2004 a anfitriona e encargada de organizar o Congreso das Literaturas Galega, Vasca e Catalá (Galeusca) que chegou nesta ocasión á súa XXI Edición e que baixo o título de A Cidade e a palabra reuniu en
Ourense e Allariz a unha ampla representación das tres literaturas. Foron obxecto de especial homenaxe dúas autoras e socias da entidade tristemente desaparecidas: Xela Arias, homenaxeada en Vigo nun acto organizado pola AELG, a Asociación Galega de Editores (AGE) e a Asociación Galega de Traductores (AGT), e hai poucos meses nun volume editado por edicións Xerais coa colaboración da AELG (Xela Arias: quedas en nós); e Luísa Villalta, homenaxeada e outubro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, nun emotivo e fermoso acto, O outro lado da música: a palabra, no que teatro, música e poesía se deron a man.
Ademais, a AELG participou activa e intensamente na Mesa polo libro e a Lectura constituída en xuño de 2004, e sinaladamente na Comisión O Libro e a Lectura onde, xunto a representantes de outras entidades relacionadas co sector, se debatiron cuestións e se presentaron propostas e proxectos. É este un ámbito de actuación da AELG que se pretende reforzar e priorizar cada vez máis, co obxecto de atender ás cuestións prácticas de defensa,
dignificación e profesionalización da labor do escritor/a. Tamén se emprenderon novos proxectos coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela; entre eles, cabe destacar a serie de postais As chaves de Compostela recencemente apresentada ao público a aos medios. Xa por último, a AELG co-editou ou colaborou na edición de diversos volumes coma a Antoloxía Galeusca 1990-2003 coeditada en colaboración coas Asociacións de Escritores Vascos e Cataláns; Cantos de Ausencia. Elexías (1959-2002) de Salvador García-Bodaño a quen a AELG concedeu, neste 2004, o seu máximo galardón, a Letra E; así coma un Dietario e unha Axenda da Muller cos cales quixo agasallar aos seus socios/as.
Emma Couceiro, secretaria técnica AELG