Skip to main content

Carlos Varela inaugura os Almorzos On/Off do Colexio de Xornalistas na Coruña

O Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Carlos Varela, inaugura o vindeiro martes, día 22 de febreiro, o ciclo dos cafés de prensa que organiza o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), a través da súa Demarcación da Coruña.
Estes encontros levan por nome Almorzos ON/OFF, debido a que a primeira parte consiste nunha conversa “off the record” entre o convidado e os colexiados, ás 9:30 horas, debidamente identificados que acudan á cita. A sesión continúa despois de maneira aberta, on the record, ás 10:15, puidendo asistir a ela todos aqueles xornalistas que así o desexen.
O Colexio de Xornalistas pretende con esta iniciativa fomentar o diálogo e a análise da actualidade cos seus protagonistas no marco duns encontros para os que se conta coa colaboración do Hotel Riazor da Coruña ,(Avenida Pedro Barrié de la Maza, 29).
O ciclo de almorzos on/off continuará en vindeiras semanas coa presenza de diversos convidados que se irán anunciando en posteriores convocatorias e a través da páxina web do Colexio.
Carlos Varela García (O Carballiño - Ourense, 1956), ocupa actualmente o posto de Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Anteriormente, e dende o ano 1985, desenvolvou a súa carreira profesional en Vigo e en Cambados. En xullo de 2004 toma posesión do cargo como Fiscal Xefe substituíndo a Ramón García Malvar, a proposta, Cándido Conde Pumpido, Fiscal Xeral do Estado. Entre as preocupacións de Carlos Varela figuran os temas relacionados co medioambiente e urbanismo. Nesta liña asínanse varios convenios de colaboración coa Xunta de Galicia.
Para inscribirse nos almorzos pódese chamar ó 981 93 56 70 ou enviar un correo á xornalistas@xornalistas.com. O aforo é limitado.
O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suman 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos do Colexio figura eb lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega


Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia