Skip to main content

A Deputación de Lugo presenta a web Asocialugo nun obradoiro entre o 11 e o 13 de marzo

Desde a Deputación Provincial de Lugo queremos invitarvos a participar no obradoiro formativo 'Xestión e uso de redes sociais en Asociacións e Introdución á e-administración', que terá lugar os días 11, 12 e 13 de marzo no Pazo de San Marcos, sede da Deputación de Lugo, en horario de 17.00 a 20.00 horas.

Trátase dunha oportunidade única para achegarvos a estas novas tecnoloxías da comunicación da man de profesionais de ampla experiencia neste ámbito. Os coñecementos que adquiriredes neste obradoiro axudaranvos enormemente a mellorar a comunicación na vosa asociación, co fin de contar o día a día do voso traballo, convocar e difundir noticias, eventos, captar novos membros... Do mesmo xeito, recibiredes un diploma acreditativo pola vosa participación.

Esta formación é moi recomendable para calquera responsable de asociacións da provincia de Lugo, en especial para aqueles que teñan algunha relación co ámbito da comunicación.

Ademais, durante a primeira sesión que terá lugar o vindeiro mércores 11 de marzo, ás 16.30 horas, presentaremos o novo portal para asociacións da provincia que imos lanzar desde a Deputación de Lugo 'Asocialugo'.

Atoparedes o programa do obradoiro e desta presentación facendo clic nesta ligazón ou na imaxe que se mostra a continuación.

Máis información: Web AsociaLugo
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Lugo