Skip to main content

Os concellos gobernados polo BNG crean unha rede de apoio ás bandas locais emerxentes

Os concellos gobernado polo BNG crean unha rede de apoio e promoción das bandas e grupos musicais locais denominada Rede de bandas locais emerxentes, que arranca coa inscrición de todos os interesados a partir do 15 de abril nos seus respectivos municipios ata que, tras un proceso de selección, se da paso a unha programación de concertos por salas públicas e privadas desde o mes de setembro. A convocatoria será anual.

O protocolo asinado en Pontevedra conta xa coa participación da propia cidade do Lérez e dos concellos de Poio, Allariz, Carnota, Carballo, Cariño, Rianxo, Ribadeo, San Sadurniño e Tomiño, co obxectivo de facilitar xiras e actuacións das bandas locais emerxentes polas salas dos municipios adheridos a esta rede, que inclúe un mínimo de catro actuacións por concello en salas privadas ou en espazos públicos.

“Que os e as artistas sexan tratados dun xeito profesional, que podan facer xiras polo país e que cobren polo seu traballo”, explicaba o impulsor da iniciativa Demetrio Gómez, responsable de Xuventude no Concello de Pontevedra, arroupado polo propio rexedor Miguel Anxo Fernández Lores, quen definía o proxecto “como un fermento que levedará e dará uns resultados espléndidos”.

O portavoz nacional, Xavier Vence, tamén presente na sinatura do protocolo subliñou o esforzo dos concellos do Bloque para promover “a cultura de base desde abaixo”, que no caso de creación musical se reforza agora creando este “circuíto de promoción dos valores musicais emerxentes, fronte ao papel da Xunta que estrangula o que se viña facendo no pasado para promover a cultura do país”.

Vence subliñou que calquera concello pode sumarse a esta iniciativa que debe servir para promover o talento musical e que, aínda que as creacións poden ser en calquera lingua, contribúa ao uso do idioma do país en calquera estilo musical, rock, pop, hip-hop, rap, folk entre outros.

As bandas para participar no circuíto de concertos serán elixidas atendendo a unhas bases xerais de competición que serán aprobadas pola Comisión de seguimento do protocolo e serán difundidas na web oficial da Rede de bandas emerxentes locais.

Gabinete de Comunicación do BNG