Skip to main content

A Casa-Museo Manuel María acolle un concerto de Pablo Díaz para toda a familia

O sábado 11 de abril ás 18 horas o auditorio da Casa-Museo Manuel María de Outeiro de Rei acolle un concerto do artista coruñés Pablo Díaz, que, xunto a pezas xa coñecidas do seu repertorio, interpretará temas do seu máis recente traballo Xente miúda moita fartura.

O concerto desenvólvese en horario de tarde para facilitar que sexa unha “festa familiar”, na que especialmente as máis pequenas e os máis pequenos, acompañados das súas familias, sexan os verdadeiros protagonistas. A entrada é gratuíta, porén a Fundación Manuel María de Estudos Galegos recomenda, por razóns de aforo do auditorio, reservar previamente: pódese facer até o mesmo sábado no teléfono 698 177 621 ou a través do correo-e fundacion@manuelmaria.com.

Este concerto enmárcase na iniciativa Seráns Culturais da área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo que se desenvolve en diferentes espazos culturais de toda a provincia.

Pablo Díaz (A Coruña, 1972) representa hoxe unha das voces e rostros de referencia na música en galego dirixida ao público infantil, con traballos tan exitosos e con tan boa acollida de público como Tic Tac (2010) e Toc Toc (2013). Con Xente miúda moita fartura (2014), CD autoeditado, con ilustracións de Nicolás Fernández, Pablo Díaz continúa na súa aposta polo público infantil e familiar, particularmente orfo de produtos culturais e musicais de calidade na nosa lingua. Unha realidade xa coñecida por el desde o prestixioso selo editorial Kalandraka, en cuxos contacontos ten participado facendo o acompañamento musical.

Pablo Díaz, porén, ten unha longa traxectoria no panorama musical galego quer como intérprete quer como investigador. Fai parte de grupos tradicionais e folc como Donaire, Ruote ou Tátara Trío e ten colaborado con artistas como Susana Seivane.

Fundación Manuel María