Skip to main content

Queremos Galego reivindica na convocatoria do 17 de maio a lingua como garantía de futuro para Galicia

A plataforma cidadá Queremos Galego, convoca 8 actos o 17 de maio ás 12 do mediodía, na Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago e Vigo baixo o lema Galego, garantía de futuro, porque, segundo indicou Marcos Maceira, portavoz da plataforma cidadá, a existencia e a normalidade da lingua galega é a garantía da existencia e do futuro do pobo galego, lembrando que ningún pobo pode aspirar ao progreso e ao avance social de costas á súa lingua.

Queremos Galego fixo un chamado ao conxunto da sociedade a mobilizarse o 17 de maio, porque segundo o seu portavoz “o pobo galego ten que ser o protagonista da reposición e normalización do seu idioma en todos os espazos e lugares e para todos os usos”. Ademais salientou a soidade de Feixó na súa cruzada contra o galego “ que debería dunha vez escoitar ás entidades sociais, Anpas, sindicatos, organizacións políticas... mesmo ás tres Universidades, ou simplemente ver a evolución do galego en todos os estudos sociolóxicos, ou a situación de exclusión que padece a lingua en todos e cada un dos ámbitos sociais”.

Para a plataforma cidadá, composta por cerca de 700 colectivos sociais de todo tipo, o 17 de maio é unha data para festexar que temos lingua propia e para reclamar a súa plena reposición e normalidade, e avanzarmos na oficialidade real que aínda non acadou.

Actos públicos

Os principais actos que desenvolverá a plataforma Queremos Galego terán lugar nos seguintes lugares:

Vigo: Cruce da Vía Norte con Urzaiz. Ás 12h
Santiago de Compostela: Praza das Pratarías, ás 12h
Ferrol: Praza do Cruceiro (Canido) ás 12h
A Coruña: Diante do Teatro Rosalía (Rego da Auga), ás 12h
Pontevedra: Praza da Peregrina, ás 12h
Lugo:11.30 Praza maior ás 11.30
Ribadeo: Catro Rúas, ás 12h
Ourense: Praza da Imprenta, ás 12h

En todos estes actos se dará lectura por representantes de diferentes colectivos ao manifesto O Galego, garantía de futuro, que xa está a recoller apoios a través da páxina www.queremosgalego.org

O portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, fará declaracións aos medios de comunicación ás 12h na Praza das Pratarías de Santiago, onde tamén intervirá ao remate do acto.

Queremos Galego