Skip to main content

O encontro Artes pola integración promove a inclusión social a través da cultura

O Encontro Artes pola Integración regresa á axenda cultural galega cunha nova edición, a cuarta, que se desenvolve desde o 25 ao 28 de maio en diferentes espazos de Santiago de Compostela. A capital de Galicia acollerá por vez primeira este festival, co apoio da Consellería de Cultura e Educación, que constitúe “unha iniciativa importante desde a perspectiva da inclusión social e do propio desenvolvemento artístico de Galicia”.

Así o asegurou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na rolda de prensa de presentación da nova edición do encontro, ao que se referiu como “un espazo para fortalecer a nosa construción cultural colectiva e tamén para garantir o desenvolvemento en plenitude de todas as persoas, sexan cales sexan as nosas particularidades, as nosas características ou circunstancias vitais”.

A nova programación, que foi presentada na Cidade da Cultura coa participación tamén da directora artística do festival, Carlota Pérez; da directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, María Pereira, e de Ana Pérez-Lago, de Gadisa, ofrece conferencias, exposicións de artes plásticas e visuais, cine, actividades de artes escénicas e diversas experiencias formativas para, por unha banda, pór en mans dalgúns grupos subalternos da sociedade plataformas e iniciativas coas que comunicar e comunicarse, e, por outra, para lle ofrecer á sociedade unha serie de representacións visuais, literarias e escénicas coas que poder entender a realidade deses grupos socialmente excluídos por diversas razóns legais, sociais e/ou médicas.

Tamén asistiron á presentación do encontro a directora-xerente da Fudación Cidade da Cultura, Beatriz González Lorozo, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.

Unha peza máis da diversidade

“O que presentamos hoxe –afirmou Anxo Lorenzo– non é unha mostra ou unha apertura de sesións artísticas para públicos especiais, senón un proxecto que convida a participar e a implicarse nun desenvolvemento cultural verdadeiramente inclusivo”. Nese sentido, amosou o seu convencemento de que “a promoción da cultura galega alcanza un amplo sentido internacional entendida como unha peza máis da imprescindible diversidade cultural, que contribúe a preservar e fomentar un mundo rico, interesante e no que os seus cidadáns e cidadás poidan sentirse plenos desde a súa singularidade”.

Respostas inclusivas

As diferentes facetas deste proxecto integrador teñen como un dos principais obxectivos utilizar a arte visual, a literatura, a danza, o teatro e as técnicas dramáticas como ferramentas eficaces para a comprensión da realidade de persoas con outras capacidades e a procura de alternativas a problemas sociais e interpersoais derivados da exclusión.

Co fin de reflexionar sobre a complexidade da exclusión e sobre as diferentes respostas inclusivas, o encontro ofrece unha xornada de conferencias, o sábado 27 de xuño pola mañá, na Cidade da Cultura, que xirarán arredor de tres eixos: artes e interculturalidade, infancia e integración, e arte na terceira idade.

As artes escénicas, protagonistas

Para afondar nunha das liñas centrais que veñen definindo o encontro, as artes escénicas como vehículo de integración e vertebración social, o festival programa este ano diversas iniciativas. As experiencias seleccionadas para formar parte deste programa de dous días, o 25 e 26 de xuño, céntranse naqueles proxectos escénicos que fomentan a creatividade, o gozo das artes e a participación da sociedade.

A Cidade da Cultura, o Salón Teatro e a fachada exterior de San Martiño Pinario serán os lugares para a posta en escena da compañía S5, formada por persoas de todas as idades con diversas funcionalidades, para a función dirixida a bebés e familias ‘O mundo nas túas mans’, para a divulgación de diversas experiencias froito dunha residencia artística en Chantada con nenos e maiores, para un espectáculo conxunto de grandes e pequenos con música en directo da Banda de Música de Chantada e para actuacións de break dance e danza contemporánea, entre outras iniciativas.

A programación complétase con exposicións de diverso formato que se darán a coñecer nas rúas da zona vella compostelá –froito das relacións con varias organizacións e institucións vinculadas coa nenez, a discapacidade e a enfermidade, así como do traballo de alumnado de centros de menores, centros de reforma e dos nenos e nenas de La Pequeña Bauhaus– e con actividades formativas, baseadas nun taller de flamenco e de danza integrada.

O Encontro Artes pola Integración conta co apoio de Gadisa, de Unesco danza, do Concello de Chantada, do Concello da Coruña, de Experimentadacultura e da Consellería de Cultura e Educación, que vén colaborando tamén con outros proxectos para favorecer a inclusión social a través da cultura, como o Festival Igual Arte e o certame de música e poesía Cores con Palabras.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia