Skip to main content

O décimo informe 'Nós no mundo' pon o foco na relevancia da lusofonía para a acción exterior de Galicia

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), Daniel González, presentaron hoxe no Pazo de San Roque o informe anual de acción exterior de Galicia Nós no mundo. A lusofonía en Galicia e mais o Informe anual do IGADI 2018-2019. En rumbo de colisión.

Valentín García, que asina xunto con Jesús Gamallo o artigo A lusofonía na estratexia galega de acción exterior incluído no informe Nós no mundo, comezou por felicitar o IGADI polo décimo aniversario desta “relevante publicación” para, a continuación, resaltar que “Galicia goza dunha avantaxe competitiva que cómpre aproveitar: a lingua galega, que serve de ponte entre o mundo da lusofonía e o da hispanidade”.

Nós no mundo é un informe de periodicidade anual impulsado polo IGADI e centrado na acción exterior galega. Na súa edición de 2019, cando se cumpre o décimo aniversario da publicación, pon o foco na relevancia da lusofonía na acción exterior de Galicia, no marco do quinto aniversario da Lei Paz Andrade e do primeiro ano de funcionamento da Estratexia Galega de Acción Exterior, documento estratéxico panorámico da paradiplomacia galega.

Para facer esta análise, contou con plumas provenientes de institucións de natureza plural, tales como a Xunta de Galicia, o Instituto Camões, o Consello da Cultura Galega, a Confederación de Empresarios, o sindicato CIG ou a Academia Galega da Lingua Portuguesa, entre outras.

Chaves da política internacional

Baixo o título En rumbo de colisión, e por duodécimo ano consecutivo, o Informe anual do IGADI achega as principais chaves da política internacional do pasado ano, 2018 e as perspectivas para o 2019. Baixo a dirección de Daniel González Palau, director do IGADI, e de Xulio Ríos, o seu presidente de honra, e coa coordinación editorial de Roberto Mansilla Blanco, esta edición, na que participa a Consellería de Cultura e Turismo, conta como novidade coa firma convidada do analista e ex embaixador venezolano Alfredo Toro Hardy.
R.