Skip to main content

Lorenzo Milá gaña o XVI Premio José Couso de Liberdade de Prensa

É un dos xornalistas que personalizan a mellor época de independencia nos informativos nos medios públicos, onde presentou La 2 Noticias e o Telediario 2. Desde o 2014, ocupa a correspondencia en Italia para a TVE, desde onde está a facer a cobertura profesional sobre a COVID-19. Milá competía nesta edición do premio Couso coa actual correspondente de Televisión Española en Asia-Pacífico, Mavi Doñate e o recentemente cesado como director da Axencia Efe, Fernando Garea.

Debido ás circunstancias impostas pola actual crise sanitaria, non foi posíbel celebrar a rolda de prensa para anunciar o fallo desta edición do Premio Couso nin os tradicionais actos de entrega en Ferrol. Lorenzo Milá enviou desde Roma un vídeo no que agradece o premio e llo dedica a "tantos profesionais da comunicación que se xogan a vida defendendo a liberdade de prensa, a todos os informadores de calquera categoría que traballan en condicións de precariedade laboral e a quen traballa na verificación das noticias, unha función crucial". Cando a situación o permita, realizarase un acto público coa presenza do premiado para facerlle entrega do galardón.

O premiado

Lorenzo Milá Mencos (Esplugues de Llobregat, 1960) é licenciado en Xornalismo pola Universidade Autónoma de Barcelona, e a súa traxectoria profesional comezou co xornalismo deportivo en 1983 no diario Sport. Máis tarde colaborou con TVE en programas como El tiempo es oro, Juego de niños ou Plató vacío, despois do cal marchou a Londres para traballar en ScreenSport (o actual Eurosport). Regresou a TVE e de 1989 a 1994 traballou en deportes. En 1994 trasladouse a Madrid para traballar no informativo nocturno de La 2 Noticias. Neste período, foi o espazo informativo coñecido por ser o menos institucional e por ter un estilo moi persoal, polo que recibiu varios premios.

Entre 2003 e 2004 foi correspondente adxunto na delegación de TVE en Washington. Posteriormente estivo no Telediario nocturno de La 1. En 2009 marcharía de novo a Washington, desta vez como correspondente principal. En 2014 trasladouse a Roma, posto no que está actualmente. Foi tamén presentador e moderador da maioría das edicións do programa Tengo una pregunta para usted, no que un grupo de cen cidadáns anónimos entrevista a líderes políticos invitados. Ao longo da súa traxectoria foi obxecto de moitos recoñecementos, como o Premio Antena de Oro, os Premios ATV e varios TP de Oro.

Lorenzo Milá súmase así á lista de gañadores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006); Jon Lee Anderson (2007); José Vidal – Beneyto (2008); Rosa María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks (2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Jordi Évole (2015), Miguel Ángel Aguilar (2016), Xosé Hermida (2017), Julia Otero (2018) e Defende A Galega (2019) foron ata agora os galardoados coa estatuiña das ‘Ás Ceibes’ do escultor Manuel Patinha.

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.
R.