Skip to main content

As rutas en catamarán pola Ribeira Sacra triplican o número de viaxeiros en só unha semana

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, informou que as rutas en catamarán pola Ribeira Sacra triplicaron o número de viaxeiros esta pasada fin de semana con respecto á anterior, acadando preto de 180 pasaxeiros entre o sábado e domingo. “O dato é moi positivo. Significa que se cumpren as nosas expectativas, e a xente vai gañando confianza e aposta por esta alternativa de lecer na natureza que ofrece a Deputación para gozar do rico patrimonio da Ribeira Sacra”, subliñou a Deputada.

García Porto espera que se siga producindo un incremento progresivo dos pasaxeiros nas rutas en catamarán coas que a Deputación favorece a recuperación da economía despois da etapa máis dura da pandemia, xerando un efecto multiplicador na comarca e na provincia, en termos de pernoctas e de consumo no sector hostaleiro e comercial.É un incentivo para a iniciativa privada en xeral”.

A Deputada lembrou que precisamente ese é o principal obxectivo da campaña EN LUGO, SI,que lanzou a Deputación para reactivar o consumo no comercio, a hostalería e o turismo axudando a fortalecer a imaxe da provincia como lugar seguro, de confianza, de calidade e de oportunidades para comprar, para consumir, para o lecer, e para pasar as vacacións.

A Deputada de Turismo animou unha vez máis á cidadanía a achegarse a facer as rutas en catamarán pola Ribeira Sacra: “É unha opción de natureza, lonxe de masificacións e preto da casa ao que podemos chegar en transporte individual ou colectivo. Facer unha viaxe en catamarán pódese combinar con outras múltiples ofertas de lecer que nos permiten gardar as distancias e seguir descubrindo e redescubrindo novos lugares”.

O servizo de catamaráns funciona con medidas de seguridade para minimizar o risco de contaxio da Covid-19.A Deputación prioriza a compra de billetes na webreservas.rutasembalses.es. No caso de que se deba facer insitu, é preferible que os pagamentos se fagan con tarxeta bancaria. Ademais, é obrigatorio o uso de máscaras de protección e están habilitados dispensadores de xel hidroalcólico tanto nas instalacións como nas embarcacións para que se poidan realizar desinfeccións de mans.

O persoal cumpre protocolos específicos e instalou paneis informativos para lembrar todas as medidas de seguridade. A información turística pódese descargar mediante códigos QR e a institución flexibiliza as condicións de cambio de data ou cancelación, así como para a devolución do importe do billete durante toda a temporada de viaxes.