Skip to main content

'A metamorfose do comunismo na China', nova obra de Xulio Ríos

Segunda, á vista do seu especial protagonismo no devalar contemporáneo do país, a historia do PCCh é, en gran medida, a historia da propia China nos últimos cen anos. E son tamén os factores históricos os que condicionan boa parte dunha evolución marcada polo orgullo pola súa civilización e pola reacción ante a traxedia da decadencia e a perda de soberanía efectiva a mans da desmembradora penetración occidental.

Terceira, o maoísmo (1935-1978), alén da xesta revolucionaria, quixo representar a busca dunha vía orixinal que dera resposta ás necesidades dun país atrasado e desfeito por décadas de guerra apelando á forza da ideoloxía e da vontade como instrumentos motivadores da modernización.

Cuarta, o denguismo (1978-2012) impuxo o pragmatismo como corrente principal nun novo tempo inspirado no desenvolvemento da economía e da sociedade sen por iso abdicar dos fundamentos políticos instituídos en 1949.

Quinta, o xiismo (2012-) apunta a culminar a transformación da China nun país moderno e próspero con fundamento nun sistema político baseado na irrenunciable preeminencia do PCCh e igualmente na afirmación do país como actor sobranceiro da orde internacional emerxente.

Sexta, en todo este proceso, o PCCh afianzouse como unha dinastía de novo signo, administradora dunha realidade marcada pola conformación dunha economía mixta, unha sociedade acomodada, un modelo de gobernanza singular, o eclecticismo ideolóxico, o reencontro coa cultura tradicional e un sinocentrismo interdependente.

Sétima, persuadido polo seu antiimperialismo fundacional, o PCCh descarta hoxendía calquera vocación mesiánica pero reivindica ao mesmo tempo o seu dereito a percorrer unha vía adaptada á súa idiosincrasia, incorporando a ela todo canto de utilidade considere no acervo universal pero reclamando o seu dereito a persistir en todo canto estime idóneo do propio imaxinario chinés.
Oitava, non é posible coñecer a China de hoxe prescindindo da historia do PCCh. Dende fóra, importa coñecer e comprender a súa natureza, os seus afáns fundacionais e os sinais determinantes da longa transición que representa a fin de albiscar non só o seu perfil subxectivo senón o sentido da determinación e das intencións estratéxicas da propia China.

A obra, publicada inicialmente en lingua galega, tamén estará dispoñible en breve en castelán e posteriormente noutras linguas, incluídas o catalán e o portugués.

Xulio Ríos é autor dunha ampla obra en relación a China.
R.