Skip to main content

Co gallo do Día das Letras Galegas, o Colectivo Egeria vén de publicar o libro 'AQUELA NENA DE SARRIA', sobre os anos sarriáns e lucenses de Xela Arias

O libro, que amplía os contidos da exposición xunto con outras diversas informacións, segue a estrutura da mostra, e conta con poemas e debuxos de arredor de medio cento de estudantes dos institutos de Sarria (coordinados polos profesores Lola Chaos e Eduardo Rey). Aparecen tamén poemas de autores sarriáns actuais, e das escritoras “compañeiras de viaxe” de Xela, os primeiros traballos coñecidos da autora homenaxeada, e colaboracións de Xaime Félix López Arias, que foi cronista de Sarria, gran amigo da familia, e Asunción Fernández Puentes (Siña), Directora do Colexio Fingoi. Recolle tamén textos de Avelino Pousa Antelo, Valentín Arias, Amparo Castaño, Lois Arias Castaño, Darío (o fillo de Xela) e once “vilariñas” dos poetas membros do colectivo Nova Poesía Guitírica, na honra de Xela.

Nas 184 páxinas desta obra, da que son responsables Antonio Giz e Xulio Xiz, teñen un especial papel as fotos da nenez de Xela facilitadas pola familia Arias-Castaño, en base ás que a pintora e profesora lucense Sabela Arias fixo unha serie de magníficas recreacións que lle dan ao libro e ao resto das accións deste proxecto un carácter esencialmente xuvenil, plenamente acorde con esta primeira etapa vital de Xela.

Exposición “Aquela nena de Sarria”

Aínda que pola necesaria asistencia sanitaria naceu no lucense Sanatorio Pimentel, no rexistro consta como nacida en Sarria, pois seus pais eran sarriáns, e vivían na Granxa Escola fundada en Barreiros polo financeiro Antonio Fernández Lopez, da que o pai da nena, Valentín Arias, era director. Xela, ata 1965, viviu en Barreiros, e en Lugo de 1965 a 1969, acudindo a estudar ao Colexio Fingoi, tamén iniciativa do “Fillo de Antón de Marcos”, Antonio Fernández, creador deste especial Colexio do que puxo á fronte a Ricardo Carballo Calero, que o gobernou desde a súa creación en 1950 ata 1965.

A exposición, composta por doce paneis, reflicte o tempo sarrián e lucense de Xela Arias, a súa querenza por Sarria e o rural, o seu vencello co noso idioma, e o empeño en que se recoñecese XELA como o seu nome real. Complétase a mostra con poemas dirixidos a Xela por alumnos/alumnas dos Institutos sarriáns Xograr Afonso e Gregorio Fernández, por poetas de Sarria, e de compañeiras poetas galegas que seguen os camiños que Xela trazou, e un conxunto de “Vilariñas”, especiais micropoemas con imaxes cos que un grupo de membros da Nova Poesía Guitírica honra a Xela no seu Ano.

Complétase a mostra cunha serie de fotografías facilitadas pola familia de Xela, e unha serie de debuxos da pintora lucense Sabela Arias, que conforman un especial complemento ás fotografías que foron o punto de partida da autora para este traballo. A mostra, que ten carácter itinerante, visitou en primeiro lugar os centros educativos do Concello de Sarria, e comeza agora o percorrido polo resto da provincia de Lugo e de Galicia, sendo o último destino ata agora en Santiago, no Instituto Rosalía de Castro.

Máis información: www.aquelanenadesarria.gal
R.